20060310minsk propaganda electoral lukashenko

Lukasenko

 Minsk, propaganda electoral, clic para aumentar
É previsible que nas eleccións do próximo domingo a taxa de participación supere o noventa por cento. Así ven sendo en cada cita electoral. Polo que parece, poucos se cansan de votar en Belarús. E Lukasenko obterá un clamoroso trunfo que abrirá unha nova fase na consolidación do seu poder, tan amplo como limitada é a súa imaxe na escena internacional. (Foto: Propaganda electoral en Minsk).
 

O próximo domingo celebraranse eleccións presidenciais en Belarús. Despois de referendar unha modificación constitucional para facelo posible, o actual presidente opta a un terceiro mandato que ten practicamente asegurado. O clima político, asfixiante para unha oposición feble e escasamente organizada, favorece as opcións de Lukasenko, quen goberna o país dende 1994 resistindo os "complots" dun Occidente empeñado en promover outra revolución a cor, tipo Ucraína ou Xeorxia, da que en Moscova non queren oír falar. Nada máis comezar a campaña, o xefe dos servizos secretos belorusos, Stepan Sukorenko, anunciaba o desmantelamento dunha trama golpista, inspirada polos grupos mais radicais da oposición, aliados con socios estranxeiros. Ese é o clima que predomina nesta campaña: o poder anuncia autogolpes preventivos para desacreditar unha oposición "promovida desde o exterior".

Cun discurso que denota o illamento da Belarús europea de Lukasenko, o nacionalismo asoma como factor determinante na vida política deste país post-soviético que acollera a posta en escena da destrución da URSS, pese aos empeños de Gorbachov por evitalo. Lukasenko ilustra o relativo éxito dunha vía nacional que fai oídos xordos ás recomendacións de Occidente e os seus economistas ultraliberais, cun ritmo de forte crecemento económico. Aquí non se impulsan reformas como as aplicadas noutros países do área e que propiciaron unha pauperización escandalosa da inmensa maioría da sociedade, mentres unha pequena parte saqueaba a mans cheas as riquezas do estado. Belarús non modificou, no esencial, a estrutura da súa economía nin do seu comercio exterior, onde sobresae a importancia de Rusia. Esa insistencia na vía propia levou ao FMI a suspender as relacións con Minsk, unha capital non homologable.

É previsible que nas eleccións do próximo domingo, a taxa de participación supere o noventa por cento. Así ven sendo en cada cita electoral. Polo que parece, poucos se cansan de votar en Belarús. E Lukasenko obterá un clamoroso trunfo que abrirá unha nova fase na consolidación do seu poder, tan amplo como limitada é a súa imaxe na escena internacional.