20080404 brasilia dilma roussef

Lula afronta o reto 2010

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Dilma Roussef; clic para aumentar
Resulta case pública a preferencia de Lula pola súa ministra Dilma Roussef (na foto) como candidata do PT e da coalición gobernamental para o 2010. Non obstante, non todas as variables semellan favorecer esta candidatura, explicadas en clave política interna e, especialmente, tras verificarse determinados resultados nas recentes eleccións municipais.
 

As eleccións municipais celebradas o pasado 5 de outubro en Brasil deixan claras expectativas de cara aos comicios presidenciais de 2010. O gobernante Partido dos Traballadores (PT) consolidou a súa posición política a nivel nacional, aínda que o seu socio gobernamental Partido do Movemento Democrático Brasileiro (PMDB) resultou claramente gañador destes comicios, constituíndose como a primeira forza política brasileira a nivel local.

O PMDB alcanzou 1.200 das 5.563 alcaldías en disputa, por 547 do PT, que aumento a súa proporción co respecto ás eleccións de 2004. Unha diferenza fundamental estriba en que o PT resultou gañador na gran maioría das 79 principais cidades brasileiras, á espera de dirimirse o vencedor na estratéxica cidade de São Paulo, así como nas rexións socioeconómicamente mais pobres, onde a labor social do seu goberno ven sendo mais efectiva. Neste sentido, a plataforma gobernamental conformada polo PT e o PMDB consolidouse como a gran forza política e electoral no Brasil.

Por contra, a oposición política rexistrou grandes perdas electorais, tomando en conta que con estas eleccións municipais esperaban constituír unha especie de "fronte común" de cara aos comicios presidenciais de 2010, nas que o presidente Lula da Silva non pode presentarse á reelección. Neste sentido, os opositores Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB) e o conservador Partido Demócrata (DEM) retrocederon en canto a número de alcaldías no seu poder.

Todas estas variables influirán no momento político que está a vivir o presidente Lula da Silva, principalmente concentrado na necesidade de optar por unha candidatura sucesora para o 2010. Lula afronta o reto con variables que chaman ao optimismo: sólido crecemento económico; autosuficiencia enerxética, especialmente tralo descubrimento de novos xacementos petroleiros no Océano Atlántico; consolidación política e electoral da súa plataforma gobernamental; e un dinámico momento nas relacións exteriores, fraguado en acordos de gran calado xeopolítico e enerxético como o Gasoduto do Sur con Venezuela, Ecuador, Bolivia e Arxentina, no relanzamento do MERCOSUR e na consolidación de Brasil como evidente potencia emerxente no contexto internacional.

Así, con estes factores favorables, resulta case pública a preferencia de Lula pola súa ministra Dilma Roussef como candidata do PT e da coalición gobernamental para o 2010. Non obstante, non todas as variables semellan favorecer esta candidatura, explicadas en clave política interna e, especialmente, tras verificarse determinados resultados nas recentes eleccións municipais.

Aínda que Lula conserva índices de popularidade superiores ao 70% segundo diversas enquisas, apreciase como unha auténtica incógnita o feito de que o seu frontal apoio á candidata do PT en São Paulo, Marta Suplicy, non fora suficiente para determinar a vitoria do seu partido neste importante praza. São Paulo, con 11 millóns de votantes, dirimirá o seu alcalde nunha segunda volta que confrontará a Suplicy co candidato da plataforma PSDB-DEM, Gilberto Kassab, quen semella contar con maiores perspectivas de vitoria.

Velaí que aumentan as especulacións sobre se Roussef poderá reproducir no 2010 o exemplo que acaba de experimentar Suplicy nas municipais de 2008, enfocadas na realidade de que contar cun apoio ilimitado do presidente Lula non é factor suficiente para obter a vitoria electoral. Todo isto tamén depende se o PMDB finalmente decida apoiar á eventual candidatura de Roussef ás presidenciais de 2010. Tamén é importante observar con maior atención a política a seguir por influentes movementos sociais progresistas e de esquerda, como o Movemento dos Sen Terra (MST), na configuración desta candidatura oficialista.

Con este panorama, ábrese unha conxuntura interesante na política brasileira, enfocada na necesidade de Lula de decidir sobre unha candidatura sucesora e as negociacións políticas necesarias para consolidar esta elección. Se ben a plataforma gobernamental PT-PMDB está electoral e politicamente consolidada, as futuras negociacións cara as presidenciais de 2010 ofrecen diversos panoramas. Seguramente, moito dependerá da sagacidade e habilidade política de Lula para consolidar un terceiro e histórico período de goberno do PT ata o 2014.