20070117 brasilia luiz inacio lula da silva

Lula con canas

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Luiz Inácio Lula da Silva, clic para aumentar
Luiz Inácio non conseguiu liderar a etapa de maior crecemento económico do país, pero si foi o temón que guiou a maior transformación do Brasil da historia do país, en termos de loita contra da pobreza e da iniquidade. (Foto: ©Antonio Cruz/ABr).
 

"As cousas evolucionan a medida que aumenta o número de cabelos brancos e na medida das responsabilidade que un desempeña"… "os camiños van confluíndo". "Quen é máis de dereita, vai sendo coa idade máis de centro e… quen é máis de esquerda vai transformándose en socialdemócrata, isto é, menos de esquerda"… "unha persoa ancián que segue sendo de esquerdas ten problemas, así como un mozo que é de dereita ten problemas". Luiz Inácio Lula da Silva (presidente do Brasil).

Estas sorprendentes declaracións de Lula, foran pronunciadas tras da Cimeira da Comunidade Sudamericana de Nacións, acontecida en Cochabamba (Bolivia), na que o presidente brasileiro se opuxo ao meteórico calendario e ao modelo de integración proposto por Hugo Chávez.

Pode que as declaracións de Lula non fosen máis que un novo intento por conseguir a súa aceptación entre as clases medias e altas do Brasil, entre as que encontra moita indiferencia e non poucas doses de desprezo. En directo, en persoa, posúe un carisma único, unha privilexiada capacidade para utilizar a palabra que cative, un magnetismo especial para adaptarse aos diversos escenarios e conquistar os máis adversos auditorios.

Moitos dos seus asesores confían na extraordinaria capacidade dialéctica que o presidente demostra, a simplificación argumental que consegue para conquistar aos seus interlocutores, ou para desarmar aos seus adversarios.

Mais tamén é certo que os seus asesores tremen cando o Lula improvisa, porque no seu desexo de pasar á historia como o presidente de todos os brasileiros, de todas as clases sociais, que protagonizou o cambio social, pode esquecer a coherencia do proxecto do PT.

Na verdade, o PT realizou importantes transformacións estructurais nos catro primeiros anos de mandato, partindo dunha concepción na que o estado xoga un papel determinante, que se diferenciaba substancialmente da época Fernando Henrique Cardoso, na que se privatizaron ducias de empresas por un valor de 12 mil millóns de euros. O exemplo máis representativo foi a privatización da empresa Vale do Río Doce. O seu valor de mercado a finais de 2005 multiplicaba por 15 o valor pola que foi vendida no ano 1997.

O goberno Lula tamén emprendeu programas sociais que permitiron a sete millóns de brasileiros saír dos segmentos de poboación máis pobres para situarse na escala da clase media.

As palabras de Lula nas que cando dixo que un home que sexa ancián e persista en ser de esquerda ten problemas, estaba embriagado polo éxito e enchoupado do glamour de proporciona recibir o premio de brasileiro do ano da revista "Isto é".

Os feitos contradín a Lula. Brasil é máis progresista, máis xusto e menos pobre agora cando Lula comeza o seu segundo mandato en xaneiro de 2007 que cando chegou ao poder no 2003.

Luiz Inácio non conseguiu liderar a etapa de maior crecemento económico do país, pero si foi o temón que guiou a maior transformación do Brasil da historia do país, en termos de loita contra da pobreza e da iniquidade.

Lula pertence a ese estirpe de dirixentes que rebordan o limiar dos líderes partidarios para converterse en iconas veneradas, máis alá dos círculos do seu partido ou dos seus simpatizantes. A devoción que lle profesaron figuras de partidos políticos á dereita do PT, como o vicepresidente e líder do Partido Liberal José Alencar, ou o ex presidente José Sarney, só se explica polo seu magnetismo persoal.

Magnetismo e devoción que tamén lle profesan os seus ministros, que teñen unha maior coherencia ideolóxica nos seus discursos políticos.

A un dos seus ministros escoiteilles dicir: "non teño argumentos para contradicir ao presidente, so podo dicir que si é verdade o que el di… eu son un eterno adolescente".