¿Sabía ou non sabía Lula? This is the question? O 1 de outubro de 2002, antes da grande victoria electoral de Lula, xa apuntabamos que un dos maiores perigos que terían que afrontar os petistas sería a inestabilidade parlamentaria. Logo do triunfo, disporía dun xeneroso sistema político presidencialista, mais ficaría lonxe de obter un respaldo maioritario no parlamento, a non ser que estivese disposto a crebar un dos maiores patrimonios do PT: a honradez, que estivese disposto a mudar a base de prebendas e corruptelas o voto dun sector da clase política desideoloxizado, sempre presto a deixarse comprar por un prezo razoablemente satisfactorio para os seus petos.
En portas da victoria electoral de Lula, arrepiaba escoitar a tranquilidade e seguridade, coa que altos dirixentes do PT, restaban, en privado, importancia ao feito de que Lula non fose acadar maioría parlamentaria: "No Brasil historicamente nunca foi problema gobernar, en minoría. Sempre houbo parlamentarios dispostos a apoiar ao goberno, independentemente da súa cor política ou ideolóxica".
Certo que cada país ten os seus hábitos políticos, que non hai transición perfecta, que cada unha é escrava das súas peculiares ataduras e contradicións. Só así se pode entender a traxectoria do estraño mapa de volátiles alianzas partidarias que competiron, nas últimas décadas ás eleccións estaduais ou ás prefeituras. Sempre foron un crebacabezas difícil de comprender, ou encaixar dentro da coherencia ideolóxica.
Dúas son as frontes abertas por este lume de corrupcións, incontrolado, que ameaza con calcinar o proxecto do PT, que xa leva arrasado boa parte da súa credibilidade, e devastado un capital de confianza na honradez do seu presidente: financiamento das campañas electorais e compra de votos. Ningunha delas ven de agromar co novo goberno. Non son fillos de Lula ou do goberno do PT. Mais ambas forman parte dos tumores malignos cos que conviviu perennemente a democracia brasileira. O diagnóstico era de dominio público. Todos os presidentes da República Nova: Tancredo Neves, José (Sarney) Ribamar Ferreira de Araujo, Fernando Afonso Collor de Melo, Itamar Augusto Cativerio Franco, Fernando Henrique Cardoso, Luiz Inacio Lula da Silva… todos sen excepción, viviron, conviviron e sobreviviron, sabendo das corruptas doenzas que eran dominio público. Todos as aceitaron, sen procurar someterse a traumática cirurxía para extirpar semellante cancro maligno.
Entón, ¿Por que cebarse enrabiados só con Lula…, se todos son fariña do mesmo saco?
Un dos persoeiros que máis ten cuestionado a autoridade moral de Lula para permanecer á fronte da Presidencia do Brasil está a ser Luíz Carlos Bresser-Pereira, quen fora ministro da Ciencia durante o mandato do anterior presidente Fernando Henrique Cardoso: "Estamos na maior crise moral da política brasileira… Lula non ten as condicións para permanecer no Planalto, o Impeachment é inevitábel".
A axencia SPMB, de Marcos Valerio de Souza, o mesmo publicista que, agora no 2005, está no ollo do furacán do escándalo por tecer a rede de financiamento ilegal do PT, xa dera no 1998, 50 mil dólares para a campaña de reelección de Fernando Henrique Cardoso. Nesa campaña do 1998, a caixa B do PSDB, foi de alomenos 10 millóns de reais, segundo demostraron documentalmente os xornalistas Andrea Michael e Wladimir Grámacho.
Daquela, tamén concorría ás eleccións polo Estado de Minas Gerais, Eduardo Azeredo, senador e actual Presidente Nacional do PSDB. No financiamento da súa campaña estadual, 11,5 millóns de reais circularon pola Caixa B.
O pasado día 9 de agosto, Marcos Valerio, entregaba na Comisión Parlamentar Mista de Inquérito (CPMI) unha lista con 79 nomes de persoas e importes, directamente autorizadas por Claudio Mourao da Silveira, tesoureiro de campaña de Azeredo, para retirar diñeiro das contas da súa axencia por un monto de 1,8 millóns de reais. Na lista figuraban relevantes políticos do PSDB.
Tal como acontece agora co PT, Valerio asegura que non posúe documentación doutros 9 millóns de reais durante a campaña do 98. Saíron das súas contas, pero non se atreveu a pelexar xudicialmente, por medo a perder importantes contratos de publicidade que as súas axencias, SMPB e DNA, posuían con empresas baixo a órbita de mando do PSDB como Banco do Brasil, Electronorte, Ministerio de Traballo, Ministerio de Esportes, etc.
Mais tamén revelou o publicista que durante a campaña de Azeredo (PSDB), 4,5 millóns de reais foran parar as contas de Duda Mendoza, outro publicista que dirixiu as dúas últimas principais campañas do PT: a presidencial de Lula no 2001 e a de Marta Suplicy á alcaldía de Sao Paulo (2004). Duda Mendoza tamén figura, segundo as últimas investigacións, como parte da engranaxe do financiamento ilegal do PT.
Durante as campañas das presidenciais de 1994 e 1998, a diferenza entre a contabilidade e recadación do PSDB foi de 17 millóns de reais. O tesoureiro era, precisamente, Luiz Carlos Bresser-Pereira, o mesmiño que acaba de afirmar: "… estamos diante da maior crise moral da historia brasileira".
Neste saco non só hai fariña para o PT, ou para o PSDB, tamén está demostrada a participación na rede ilegal de financiamento doutras importantes organizacións do mapa político brasileiro: Partido Progresista, Partido Liberal ou partido Laborista Brasileiro.
Mais, os sumidoiros financeiros dos partidos nos que se ubican as empresas publicitarias de Marcos Valerio que nutriron as finanzas do PT, non son só osixeno envelenado para a respiración das finanzas dos partidos políticos, senón que, segundo o novo Presidente do PT, Tarso Genro, tamén son unha potente central de lavado de diñeiro, na que están implicadas organizacións delictivas nacionais e internacionais. O grupo empresarial de Valerio moveu máis de 2.000 millóns de dólares nos últimos dous anos, e deles só foron parar ao PT unha cantidade moi pequena. Mesmo se sumamos as cantidades que alimentaron ao PSDB, non se atoparían máis alá dos 75 millóns de dólares. ¿Onde está o resto? ¿porque investigar aos políticos e non ao resto da trama? ¿só aos corruptos e esquecerse dos que quixeron corromper?
Lula foi chamado ao Planalto polos brasileiros para desinfectar o pestilente fedor dos sumidoiros da política nacional. Optou por instalarse no posibilismo e facer Realpolitik, en vez de recoñecer publicamente que con aquela precaria composición parlamentaria non podería desenvolver as promesas electorais do PT. Pensaba que a masa electoral caería rendida aos seus pes cando lle presentase os resultados económicos da súa xestión: 3.135.000 novos empregos en 30 meses (multiplicando por 12 a media dos anos 90 de Cardoso), a menor inflación dos últimos cinco anos, proxectos de investimento por valor de 20.000 millóns de dólares, superávit comercial de 110.000 millóns de dólares no último ano, cretos ao consumo popular descontados na nómina sen intervención bancaria, redución da pobreza… Pero o 60% dos electores que abrazaron a esperanza e confiaron en Lula, non só desexaba mellor nivel de vida, tamén querían sentirse dignos do seu Presidente e do seu país.
Semella que chegan tarde as urxentes promesas en plena catástrofe. Promesas dunha reforma política acelerada, que pretende estar en vigor para as eleccións presidenciais previstas a finais de 2006, que reduza o custe das campañas electorais, que penalice parlamentarios tránsfugas, que transforme en cristalinas as augas negras das campañas electorais. Demasiado serodia a anunciada reforma penal que endureza castigos para corruptores e corrompidos… poden equilibrar a profunda desilusión, desencanto e decepción na que mergullou tanta esperanza sementada.
Non foi Lula o traizoado, como asegurou no discurso de apertura da reunión ministerial de 12 de agosto. Foi el, quen traizoou ao pobo, botando pola borda a confianza cega na súa honradez. Quizais sexa este o único pecado que os electores non estaban dispostos a perdoarlle. Con calquera outra deficiencia da xestión, os brasileiros terían sigo máis benignos.
Moi desencantados teñen que estar os electores brasileiros para considerar ao candidato do PSDB, como favorito, segundo certifican as últimas pesquisas electorais. Este partido acumula unha traxectoria de corrupción moito máis nutrida que a do PT. Abonda lembrar o escándalo da maior privatización de América Latina que aconteceu en 1997. A empresa mineira Vale do Río Doce, a máis rendíbel do Brasil, acabou en mans dun consorcio brasileiro-norteamericano que tivo que pagar máis de 15 millóns de dólares de "coima" para facerse co control da empresa.