Tres intentos consumiu Luiz Inacio da Silva "Lula" procurando chegar á presidencia do Brasil nos anos 1989,1994 e 1998. Nos tres, a súa candidatura foi perdendo gas a medida que se achegaba o final contenda electoral, para rematar sempre en segunda posición. Pero nunca, a catro meses das votacións, a súa estimación de voto roldou o 40%, nunca a menos de 150 días da elección presidencial superaba en 20 puntos ao seus rivais… Cando se aproxima o momento decisivo, cando máis clara se perfila a opción Lula…, máis incertezas debuxan as entidades financeiras internacionais sobre o Brasil. Merrill Lynch, JP Morgan, ABN Amro e Santander xa recomendaron aos seus clientes reducir os investimentos no Brasil.
Luiz Inacio da Silva esconxurase dunha cuarta derrota "O PT non naceu para ser oposición, nin para ser un partido pequeno toda a vida, porque deste xeito nunca chegaremos ao poder".
Logo de bater coa dura realidade de ter sido vencido: por Fernando Collor de Mello, presidente que renunciaría á presidencia acosado por denuncias de corrupción e por Fernando Henrique Cardoso en dúas ocasións… Lula xa asume discursos propios da "realpolitik" e impulsa pragmáticas alianzas electorais, que hai poucos anos terían sido consideradas como "contra natura".
Transcorridos 22 anos de existencia do Partido dos Traballadores, farto de agardar pola presidencia que non chega, desprendido das utopías máis quiméricas, asegura."Eu considero que hoxe somos un partido maduro e responsable". Só dende este Lula máis posibilista é doado entender a confluencia electoral co magnate do centrodereita e senador liberal, José Alencar. O novo aliado, recrutado a mediados de febreiro e o maior empresario do téxtil brasileiro e posúe unha notoria capacidade de influencia sobre a poderosa Igrexa Universal de Deus.
Na carreira de obstáculos que ten sortear ata o día da contenda electoral do 6 de outubro, terá que manter as distancias co seu principal rival, o oficialista José Serra, que desempeñou o cargo de ministro da saúde no gabinete de Cardoso. Hai un mes tivo un forte revés na intención de voto, debido a un escándalo destapado pola revista Veja o 4 de maio. A publicación revelaba que o director do Banco de Brasil, e tesoureiro das campañas de Cardoso e o propio Serra, tería recibido 15 millóns de dólares de comisión durante o proceso privatizador da empresa mineira estatal Vale do Río Doce no ano 1997.
A filtración desta noticia non partiu dende o Partido dos Traballadores. Todo indica que, Antonio Carlos Magalhaes, dirixente da dereita brasileira fixo aboiar a noticia xusto nun momento crítico para a supervivencia electoral de José Serra. Serra, un ex"esquedista que aínda provoca certos roxelos no establishment brasileiro, que apoian ao delfín de Cardoso só polo temor e incerteza que lles esperta Lula. Algúns sectores aínda teiman en substituílo polo presidente da Cámara dos Deputados, Acio Neves, neto de Tancredo Neves, morto de infarto antes de asumir a presidencia en 1985.
Washington tampouco se ten prodigado en eloxios ou declaracións de apoio a Serra. Cando xestionaba o Ministerio de Saúde, tivo unha sonada pelexa coa administración norteamericana por defender unha lei de medicamentos xenéricos. Dende a chegada da Administración Bush, ten sído especialmente ácido cos republicanos "George Bush dálle a costas a América Latina… con W. Clinton eramos felices e non o sabiamos….moita xente dicía preferir a Bush porque cría que os republicanos traerían maior liberdade comercial. Eu nunca crin iso. Aumentou o proteccionismo nos EEUU e favorece ás empresas norteamericanas en detrimento das do resto do mundo".
Hai menos de dous meses, o goberno brasileiro admitiu por primeira vez a posibilidade de non integrase no ALCA( Acordo de Libre Comercio para as Américas), molesto polos subsidios da administración norteamericana ao aceiro ao sector agrícola interior. No mesmo sentido se pronunciara a Federación de Industrias de Sao Paulo, a finais do 2001, cando instara ao executivo a non dar prioridade á negociacións do ALCA.
Pero o verdadeiro atranco que Luiz Inacio da Silva, atopa no camiño cara á Presidencia está nesa barreira infranqueable que se atravesou no recorrido de Allende, de Chávez, de Ortega…
As avenidas polas que circula a democracia real en América Latina tórnanse en intransitables sendas cando, esporadicamente, as urnas encargan conducir gobernos a opcións que se moven á esquerda da socialdemocracia, para ás que só hai reservados carrís urbanos, pero non de Estados.
Dende principios de maio varias consultoras financeiras internacionais teñen recomendado aos investidores á máxima cautela.
Merrill Lynch, JP Morgan, ABN Amro e SCH (santander central hispano) aconsellan reducir investimentos no Brasil.
Os medos ao probable triunfo de Luiz Inacio que desencadean o "efecto Lula", teñen feito caer en picado nos últimos días a bolsa, repuntar o dólar ata un máximo de 2,80, e disparado o risco país ata os 1.326 puntos, situando ao Brasil no terceiro lugar mundial , so detrás de Arxentina e Nixeria.
Preocupado polos efectos da ofensiva financeira, "Lula", lanza mensaxes tranquilizantes a empresarios, banqueiros, investidores estranxeiros e analistas de mercados. Se acada a presidencia o 6 de outubro maniféstalles "queremos dicirlles que queremos facer un cambio dende o goberno, pero un cambio seguro, equilibrado e responsable".
As posibilidades de Lula, son reais e tanxibles. Quen mellor o sabe é o seu contrincante José Serra, de formación marxista, pero que non dubida en axitar a pantasma do medo para truncar a carreira cara ao Pazo presidencial do líder do PT. "temos que impedir que Brasil camiñe cara ao modelo arxentino ou venezolano".