Unha análise de Bernabé González Fernández, politólogo e especialista en negocios internacionais formado na USC, ICADE e UDIMA

Luxemburgo: novo exemplo da crise europea

Unha pantasma percorre Europa: a pantasma do cambio[1]. Nos últimos anos, a crise económica iniciada en 2008 propiciou o inicio doutras crises: sociais, políticas, ambientais, de valores... e institucionais (ámbito que aquí nos interesa). As institucións europeas están en crise, o funcionamento das democracias liberais, a pulcritude ética nas administracións...

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Unha pantasma percorre Europa: a pantasma do cambio[1]. Nos últimos anos, a crise económica iniciada en 2008 propiciou o inicio doutras crises: sociais, políticas, ambientais, de valores... e institucionais (ámbito que aquí nos interesa). As institucións europeas están en crise, o funcionamento das democracias liberais, a pulcritude ética nas administracións...

Así, as Casas Reais europeas non son alleas a este fenómeno. Certamente, isto non quere dicir que a causa desta situación sexa a crise económica mais coinciden no tempo. Sen embargo, non é o propósito deste artigo analizar as causas desta crise monárquica. Sí que cómpre mencionar que algo pasa coa realeza. Lembremos que o Reino de España sufriu dunha forte crise en medio dun furacán económico que tivo como máximo expoñente o accidente nunha cacería de elefantes do Rei Emérito Juan Carlos I mentres a economía estaba ao “borde do colapso”, e a súa inédita desculpa tras ser operado. Máis non é soamente a nosa Coroa a que sufre deste problema. Lembremos tamén que paralelamente a gran Casa Real, a Británica, sufriu unha fonda inestabilidade que chegou abrir o debate republicano no Reino Unido, ate un punto incluso superior a cando finou Diana de Gales.

Agora, mentres en Galicia e en España ficamos centrados nas tensións políticas internas, como se no resto do mundo non pasara nada, un “remoto” país europeo sufre unha das maiores crises institucionais dos últimos anos. Este é Luxemburgo. Eppur simuove[2].

Este pequeno país[3], confortable para os homes de negocios e baluarte da ortodoxia económica[4], semella unha rémora do pasado, máis non para os intereses monárquicos europeos. Que unha forte crise institucional sacuda este bálsamo de estabilidade e corazón da Europa de posguerra, pon de manifesto a debilidade político-institucional do noso continente.

Na política luxemburguesa, os Duques teñen un papel relevante e cohabitan de xeito coordinado xunto ao poder Executivo, democratacristiáns nos últimos 20 anos. No 2013, o liberal e actual Primeiro Ministro, Xavier Bettle, accedeu á presidencia do Ducado.

Nos últimos 24 meses, os choques entre Bettle e a Gran Duquesa, María Teresa, son máis habituais debido á política de contratación e renovación da Casa Ducal. As tensións agrávanse en setembro de 2015 cando se decide comezar unha renovación da Casa. A estratexia desta iniciouse contratando a unha consultora francesa, Chantal Selva, que foi vista con malos ollos polo Executivo, especialmente molesto por estarse a formar unha pequena corte de asesores franceses dentro da propia corte da Casa, ademais dun caso xudicial pendente de Selva en Francia.

Ata tal punto de tensión chegou a situación que a comezos de xuño de 2016 produciuse un gabinete de crise privado celebrado entre o Gran Duque, Enrique de Nassau-Weilburg, e tres membros do goberno, o Primeiro Ministro, o Vice Primeiro Ministro e o Ministro de Xustiza, co obxectivo de reconducir a xestión dos recursos humanos na Corte.

Mais a situación non foi pechada e a mediados de xuño, cando Selva ía ser galardoada o día da Festa Nacional, o persoal ministerial “descubriu”  a súa causa xudicial  pendente en Francia. Ante esta situación, o Executivo decidiu despedila contra o criterio da Duquesa. A tensión ascendeu a niveis políticos de primeira orde cando, alegando situacións familiares, María Teresa tomou a decisión de non asistir á visita oficial que ía realizar o Primeiro Ministro de Romanía a Luxemburgo, marchando a Suíza.

Por se fora pouco, e aproveitando a conxuntura, a comezos deste mes de setembro o partido “A Esquerda” (DéiLénk), de corte anticapitalista e que nas eleccións lexislativasde 2013 obtivo 2 escanos de 60 e o 4,94% dos votos[5], presentou unha iniciativa acolléndose á lei de peticións do país. Conforme a esta lei, calquera proposta que obteña 4.500 sinaturas será discutida no Parlamento. A proposta deste partido pretende celebrar un referendo para que os cidadáns poidan decidir se queren que Luxemburgo sexa sendo un Gran Ducado ou se prefiren proclamar a República. Esta consulta realizaríase durante o proceso de reforma constitucional previsto para 2018[6].

Verdadeiramente, é unha iniciativa que, aínda que fora levada ao Parlamento, a discusión parece improbable que fora aprobada, máis está abrindo un forte debate e afondando na crise institucional deste pequeno país. É unha das primeiras veces que se pon en cuestión a institución ducal en Luxemburgo. A anterior foi no 2008 cando o Gran Duque se negou a sancionar a Lei da Eutanasia por razóns de conciencia, asunto finalmente resolto mediante a reforma de 2009 da Constitución (art. 34), que eliminou os seus poderes de sanción rexia e só promulga as leis aprobadas no Parlamento[7][8].

Veremos, se como dixo Montesquieu, “na infancia das sociedades, os Xefes de Estado forman as súas institucións; máis tarde as institucións dan forma aos Xefes de Estado”.

 



[1]Este comezo fai referencia, e salvando todas as distancias e diferenzas históricas, á célebre frase coa que se inicia o Manifesto Comunista: “Unha pantasma percorre Europa: a pantasma do Comunismo”.

[2]“E sen embargo móvese”, frase italiana supostamente dita por Galileo Galilei despois de renegar da súa tese ante a Santa Inquisición. No noso contexto significa que o planeta segue funcionando.

[3] Neste artigo empregarase, xa que non é o centro do mesmo, unha definición indistinta da categoría territorial de Estado que representa Luxemburgo.Para unha aproximación introdutoria a esta materia recoméndase: “Microstates as ModernProtectedStates: Towards a New Definitionof Micro-Statehood”, Instituteof International Affairs. The Centre for SmallStateStudies, ZbigniewDumienski, OcassionalPaper.

[4] Recoméndase para unha primeira aproximación e contextualización: http://alternativaseconomicas.coop/articulo/editorial/panama-luxemburgo-y-la-ue

[7]“Los sistemas constitucionales de Holanda y Luxemburgo”, Universidad de Granada. Instituto Andaluz de Administración Pública, Massa Gallerano Greta, Revista de Derecho Constitucional Europeo, nº15, 2011, pp. 206-207.

[8] A anterior gran crise institucional e monárquica produciuse en 1919 cando se celebrou un referendo para elixir entre monarquía e república. O resultado foi favorable por un 77.8% dos votos á continuidade da Gran Duquesa e da Dinastía. Ver: http://www.eu2005.lu/en/savoir_lux/lux_publications/about_family/about_family.pdf