pt Visita CCCM Galicia 1

Macau, lusofonía e Galicia: cara a unha nova xeografía educativa.

A semana pasada Galicia foi escenario de debate e proxección internacional sobre a cooperación entre a Unión Europea, China e a lusofonía. Esta iniciativa, promovida polo IGADI e o Centro Científico e Cultural de Macau (Portugal), marca o comezo dun novo momento para analizar a importancia e a proximidade dun futuro máis conectado a China, especialmente grazas á crecente expansión e cooperación académica das institucións educativas de Macau.

Esta pequena RAE (Rexión Administrativa Especial), cunha historia e un patrimonio cultural de mixtura sino-portugueses, desempeña un papel fundamental como plataforma de cooperación entre a República Popular de China (RPC/China) e os países lusófonos. Porén, foi tras a celebración do 25.º aniversario do retorno de Macau á soberanía chinesa, co discurso de Xi Jinping, cando o ano 2025 marcou un novo compromiso de Macau para promover unha maior internacionalización e cooperación cos países de fala portuguesa, conectar a Guangdong-Hong Kong-Macau Greater Bay Area1 coa educación superior internacional e contribuír á implementación do principio de “un país, dous sistemas”.2 Neste contexto, analizar o papel clave que xogan as institucións educativas é fundamental.

A construción dun sistema educativo de alta calidade é un dos principais eixes de acción do goberno de Macau. As súas universidades impulsan a internacionalización das estratexias educativas e reforzan a cooperación con universidades lusófonas a través de programas conxuntos, intercambios e bolsas. O máximo expoñente disto é a University of Macau (UM), herdeira do St. Paul’s College fundado en 1594 polos xesuítas europeos, a primeira universidade de estilo occidental no territorio. É un claro exemplo da imaxe e da herdanza que Macau reivindica na súa proxección internacional, consolidándose como o máximo expoñente da conexión histórica entre Oriente e Occidente.3

Hoxe, a UM aplica a súa estratexia de internacionalización denominada “4S”, baseada en catro principios: Estratéxica (Strategic), Sustancial (Substantial), Específica (Specific) e Sustible (Sustainable).4 Isto significa que ten forxado alianzas con institucións portuguesas como a Universidade de Lisboa, a do Porto e a de Coimbra, esta última cun novo programa de bolsas aprobado en outubro de 2025.5 Tamén mantén cooperación con outros países como Brasil e ocupou cargos relevantes no ámbito universitario lusófono, formando parte da Cátedra UNESCO sobre o Diálogo Intercultural dos Patrimonios de Influencia Portuguesa6 7; ou exercendo a vicepresidencia da Associação das Universidades de Língua Portuguesa (2021–2027) e acollendo en 2026 a 35.ª reunión anual da mesma asociación8.

Outras universidades tamén seguen esta liña. A City University of Macau (CityU), por exemplo, en 2025 abriu un novo capítulo de colaboración multifacética coa súa misión de promover a “Rede de Innovación e Transferencia do Coñecemento” (Knowledge Innovation & Transfer Network) entre China e os países de fala portuguesa e latinoamericanos da iniciativa do Cinto e a Ruta.9

Esta última iniciativa é especialmente interesante, pois non só amosa pontes de entedemento con países de lingua portuguesa, senón tamén unha apertura cara a Iberoamérica, ampliando a rede de Macau como espazo de conectividade tanto luso como hispano.

En relación con isto, e de interese para España, no seu discurso do 1 de Outubro (Día Nacional da RPC), o xefe do Goberno de Macau, Sam Hou Fai, anunciou a creación dun novo centro de cooperación que incluirá tamén os países de fala castelá, subliñando o papel de Macau como ponte entre China e o mundo iberoamericano.10 Aínda que non se coñecen máis detalles sobre o proxecto, esta proposta sen dúbida influirá no ámbito de actuación e interese das institucións de educación superior macaenses, ao crear novas ligazóns co mundo académico hispano e ofrecer maiores oportunidades aos seus profesionais cualificados neste proceso.

Mais se Iberoamérica entra en xogo e o castelán se suma a este proceso, cal será o papel do noso país, e en especial de Galicia, como outro punto cultural e fronteira histórica de conexión entre a realidade lusa e hispánica para Macau? Esta cuestión sobre as novas oportunidades de diálogo académico e a perspectiva global das institucións académicas será, sen dúbida, un dos temas clave a seguir durante o mandato do novo goberno de Macau.