Timor Leste vive hoxe unha xornada de gran inquietude e de esperanza. Nunca tan preto estivo de recuperar aquela liberdade que un día de novembro proclamou de xeito unilateral Nicolás dos Reis Lobato nun intento desesperado por evitar o inevitable. Na euforia da Revolución de Abril Portugal retirábase apresuradamente das súas colonias deixando tras de si un perigoso vacío de poder. Indonesia estaba ó axexo. A República Democrática de Timor Leste durou nove días e o “presidente” Lobato morrería uns anos despois en acción de combate coas tropas de Suharto.
A inquietude é producto do clima de intimidación xerado polas milicias proindonesias que co beneplácito do exército e a policía, sementan o terror entre a poboación para impedir o libre exercicio do dereito de sufraxio, rebentar a consulta e, en último termo, obter un resultado favorable ás teses de Iacarta que soña aínda con prolongar a súa ocupación. O comportamento de Indonesia nesta despedida non debe sorprender a ninguén pois é plenamente coherente coa traxectoria de brutalidade e sistemática violación dos dereitos humanos que puxo en práctica dende o primeiro día da ocupación. A aqueles que gostan ensalzar os investimentos e os relativos progresos materiais auspiciados por Iacarta cómpre lembrarlles as denuncias efectuadas por organizacións humanitarias que falan dun tercio da poboación nativa masacrada. Non é admisible condenar as aspiracións de liberdade dos mauberes porque, din algúns, a independencia faraos máis pobres, mentres, poñamos por caso, aplaudese a secesión dun Tíbet que sen a China podería tamén retroceder varias décadas no seu progreso material.
Argumentaba o hongkonés Timothy Mo que a motivación esencial do expansionismo indonesio en Timor radicaba no feito de que preto da súa costa existe un canal de augas profundas (un dos tres existentes en todo o arquipélago) que permite o paso dun submarino nuclear. O medo estadounidense a que un goberno de esquerdas en Díli controlase esta vía precipitaría a intervención de Iacarta nove días despois da espantada portuguesa. Pero hoxe esas contas non veñen ó caso. A guerra fría é historia, a militancia proindependentista non aspira ó paraíso senón a máis liberdade, democracia e benestar, e mesmo Indonesia vive un esperanzador proceso democratizador.
Sexa un ou outro o resultado da consulta, a desmilitarización da illa debe ser obxecto de atención prioritaria. Se ben pode chocar cos intereses dos colonos e daquelas unidades militares máis implicadas nunha loita contra a insurxencia que lles reporta considerables beneficios económicos, a retirada das tropas indonesias é un asunto vital para normalizar a vida política de Timor Leste.
Ogallá teñamos unha desas contadas ocasións nas que é posible felicitar a Nacións Unidas polo seu papel e confirmar que é factible resolver democráticamente conflictos semellantes como o saharaui. Pero ¿está Madrid a altura do compromiso que amosa Lisboa coa causa maubere?