Madagascar existe

No mundo abondan as guerras fraticidas das que, na maioría dos casos, nin sequera temos a mais mínima reseña agás cando os intereses, sobre todo económicos, son importantes para as principais potenciais internacionais, especialmente para os Estados Unidos, que actúan na sombra, como unha man invisible, a modo de ente abstracto e impersoal baixo o paraugas monopolizador do que se da en chamar comunidade internacional.

En Madagascar, o pasado 16 de decembro de 2001, se celebraron unhas polémicas eleccións presidenciais que pasarían inadvertidas de non ser por un deses, xa habituais, recontos electorais cargados de comportamentos, cando menos, de dubidosa realización. O resultado do primeiro reconto, segundo fontes oficiais, daba como gañador ao candidato opositor, Marc Ravalomanana, que obtería un 46%, insuficiente para evitar unha segunda volta.

Marc Ravalomanana é o home máis rico do país e durante a campaña fixo alarde dun gran desplegue de medios, especialmente mobilizando a case todas as televisións do país, coa vantaxe engadida de que as máis importantes forman parte do seu patrimonio persoal. Aínda así, non contento cos resultados oficiais, esta especie de Berlusconi africano organizou o seu propio e paralelo reconto de votos, segundo o cal a súa victoria sería completa, autootorgándose o 53 % dos votos e evitando unha segunda volta que podería demorar o seu acceso ao poder. Foi moi importante para o éxito da súa campaña o apoio recibido da igrexa reformada, á que axuda economicamente, e, por suposto, o apoio tácito, primeiro, expreso despois, de George W. Bush que a través dun comunicado oficial, o pasado 28 de xuño recoñecía como lexítimo presidente da República Malgache ao alcalde de Antananarivo, partidario da potenciación económica do país, da empresa privada e da independencia de Francia.

O outro candidato, Didier Ratsiraka, no poder dende 1973, curiosamente dende a crise que todos levamos na nosa retina, cunha breve paréntese de ausencia, protagonista dunha das revolucións socializantes máis singulares de África, propoñía a celebración dunha consulta popular para dirimir as diferencias. Ratsiraka, despois de vinte anos no poder, é a referencia das principais transformacións do país, tanto de signo socializante como liberalizador.Partidario das empresas estatais e defensor da poboación das rexións rurais do país coa vainilla mais rica do mundo, encarna o Estado autoritario e a dependencia da antiga potencia colonial, de Francia.

O reconto feito pola OUA deulle a victoria electoral a Ravalomanana por un 51,54 % dos votos, o cal impediu a realización dunha segunda volta e facilitou o recoñecemento por parte da Comunidade Internacional, primeiro Estados Unidos e despois Francia.

As diferencias entre os candidatos a piques estiveron de derivar en guerra civil aberta. Non faltaron os enfrontamentos. Ratsiraka contaba inicialmente co apoio da Forza de intervención Rápida, unha unidade de élite do exército malgache, e co apoio de cinco dos seis gobernadores das principais rexións do país. Pero non era dabondo para gañar unha batalla política na que se facía sentir a cada vez máis abafante presencia da influencia norteamericana. París acolle ao exiliado Presidente quen poderá agorar rememorar a súa época de oficial formado na escola naval de Brest.

Gaña, pois, Ravalomanana, e gaña Bush. Ata non hai moito a presencia dos EEUU no continente africano era escasa e as potencias europeas, que a partir de 1960 foron descolonizando África, seguían contando cunha grande actividade no continente e en moitos casos a influencia política era moi intensa. Pero están a virar as tornas e pouco a pouco a maquinaria diplomática estadounidense está a lle comer terreo amplamente, e facéndose co control dos principais recursos económicos.

No caso concreto de Madagascar, como xa apuntaba, Peter J. Taylor, cómpre significar o seu valor xeopolítico: é a terceira illa máis grande do mundo e chave do para o control do acceso do océano Índico ao Pacífico. Para Estados Unidos representa un seguro máis para as liñas comerciais tanto polo leste como polo oeste, especialmente tendo en conta a gran relevancia económica que está a adquirir Asia.

As exiguas pinceladas xornalísticas coas que a prensa internacional nos permite unha aproximación a este conflicto é un sinal inequívoco de que non tódolos países teñen a mesma importancia. E cando os nosos mariñeiros que faenan no Índico, lonxe do seu fogar, nos contan como tiveron que fuxir dos portos de Madagascar porque temían pola súa integridade; ou cando as axencias de viaxes retiran esas atractivas mozas dos seus escaparates cos seus anuncios dunhas vacacións de ensoño nunha das illas mais paradisíacas do mundo coa frialdade propia dun comunicado interno; ou cando na prensa estatal e galega non aparece nin a máis mínima reseña sobre un conflicto que obxectivamente interesa a un sector tan significado da nosa economía como é a pesca, fainos cavilar sobre se temos unha verdadeira visión da realidade do mundo, se estamos inmersos nunha vixilia constante ou se, finalmente, carecemos aínda dunha información elaborada a partir de preocupacións e necesidades propias.