Chegou ao seu fin a crise malgache. Lugar de referencia para moitos dos nosos mariñeiros que cursan as augas do Océano Indico, a breve, pero non por iso menos intensa, guerra civil vivida na illa de Madagascar, nas proximidades das turísticas Seychelles ou Illa Mauricio, pasou totalmente desapercibida aos ollos dos medios de comunicación, incluidos os galegos.
A orixe da crise remontase ás diferencias xurdidas entre Marc Ravalomanana e Didier Ratsiraka, principais candidatos das eleccións de decembro pasado. Segundo uns, Ravalomanana acadaría a maioría absoluta na primeira volta; segundo outros, a súa victoria sería insuficiente. Un posterior reconto de votos, pactado nun acordo asinado entre ambos na capital senegalesa, confirmou a victoria de Ravalomanana cun 51,46 por cento dos sufraxios. Pero Ratsiraka, no poder dende hai 20 anos e artífice das principais transformacións do país tanto nun signo socializante como, máis tarde, liberalizador, rexeitou o resultado por considerar que os membros encargados do reconto actuaron de forma arbitraria, urxindo a celebración dunha consulta popular, que nun principio contaba co respaldo da Organización para a Unidade Africana, quen anteriormente apoiaba a proposta dunha segunda volta. Ravalomanana rexeitara os resultados proclamados en xaneiro por un tribunal con maioría de membros designados por Ratsiraka.
O fracaso dunha solución negociada conduciu directamente ao conflicto armado. Ravalomanana controlou sempre a capital, Antananarivo, pero valialle de pouco ao permanecer totalmente bloqueada polas forzas fieis a Ratsiraka. Nun primeiro momento, o xefe de Estado saínte, parapetado en Toamasina, na costa sudoeste do país, resistiu a ofensiva militar, mantendo o control de posicións clave como o porto de Mahajanga, e o noroeste do país, a rexión productora de vainilla máis rica do mundo. Ata cinco dos seis gobernadores da illa chegaron a apoiar o propósito de creación dunha Confederación de Estados independentes, o que equivaldría a unha secesión de feito.
O conflicto conleva unhas consecuencias económicas especialmente sangrantes nun dos países máis pobres do planeta e agora ao borde do colapso cun decrecemento dun 10 por cento segundo fontes de Nacións Unidas. Segundo o Banco Mundial, as exportacións se reduciron nun 50 por cento, os ingresos por impostos nun 80 por cento e os prezos dos alimentos básicos aumentaron un 50 por cento.
O transfondo da crise a duras penas pode ocultar un tenso pulso entre Francia e Estados Unidos, que segue gañando espacios nun continente no que ata hai pouco non tiña máis ca unha presencia relativa. A importancia estratéxica de Madagascar é cada vez maior dado que controla o acceso do Océano Indico ao Atlántico. Tradicionalmente estivo baixo a influencia de Francia. A Forza de Intervención Rápida, unha unidade de élite do Exército malgache, posicionouse dende o primeiro momento do lado de Ratsiraka, formado na Escola Naval de Brest e agora exiliouse en Francia, país que ata o último momento mantivo unha fonda reserva sobre as pretensións do seu rival. Pola súa banda, Ravalomanana é un home de negocios claramente proamericano e queda en situación de mudar o equilibro de poder nesta zona.