Na interminable ponte cara a democracia como modelo de organización política aparecen inimigos que atacan o equilibrio ético dos seus principios e das súas, sempre, fráxiles estructuras : Corrupción, medios de comunicación, grupos de presión, desigualdade no reparto da riqueza, crime organizado, terrorismo, entes supranacionais con déficits democráticos, etc. O venres 15 de xuño, 121 países teñen asinado en Palermo, un documento no que se comprometen a combater un dos factores que desvirtúa as democracias…"as mafias internacionais".
A corrupción subverte a escala de valores sobre os que sustenta a democracia ao alterar o funcionamento dos poderes executivos, lexislativos e xudiciais, aos que atravesa con seu fedorento aguillón putrefactor que debilita as sociedades, especialmente as subdesenvolvidas. Tampouco a democracia poderá soportar eternamente os niveis de desigualdade no reparto da riqueza que hoxe en día se constatan. Os medios de Comunicación, fundamentais para a libre expresión das ideas, cando están estreitamente vencellados a determinados grupos económicos ou políticos, son un factor de perversión democrática ao primar a difusión das noticias non en función dos seu interese xornalístico, senón na medida que concordan, ou non, cos intereses dos grupos aos que están ligados. O terrorismo nega a esencia dos dereitos do home sobre os que se basea o goberno do pobo. Os incipientes organismos supranacionais carecen, aínda, de mecanismos para facilitar a capacidade de decisión das persoas sobre cuestións que lles incumben, presentando déficits democráticos notables.
Afortunadamente, logo de cinco días de intensos debates na sé habilitada pola ONU, 121 países teñen asinado un protocolo para combater outro dos grandes inimigos da democracia: "As mafias internacionais". Na redacción do texto subscrito se recolle a harmonización das respectivas lexislacións e a mellora dos mecanismos de cooperación internacional. No Documento tipifícase por primeira vez a nivel internacional os seguintes delitos: Lavado de diñeiro, asociación para delinquir e obstrucción á xustiza.
O "Cibercrime" da "Aldea Global" atoparase con novos atrancos, aínda que os criminais do fin do milenio sexan uns expertos no manexo de información encriptada ou nas interceptación das comunicacións.
Para combatelos, existirá unha lexislación que persiga o branqueo de cartos por internet. Poderá ser levantado o segredo bancario. Darase validez administrativa, coas oportunas medidas de seguridade, a transmisión de demandas e información por correo electrónico, entre os estados signatarios, o que acelerará os procesos contra dos clans mafiosos, simplificaranse os trámites de extradición e haberá un programa de protección de testigos.
Non teñen asinado a convención os 189 países membros da ONU; pero 121 son 21 máis que os que asinaron a creación dun TPI (Tribunal Penal Internacional) hai dou anos, ou 41 máis que os que se pronunciaron contra do comercio con persoas, nas súa tripla faceta de prostitución, traballo a forza ou escravismo.
No prato do optimismo tamén situamos que países considerados como auténticos paraísos fiscais, caso de Mónaco, Suíza, Liechtenstein ou as illas Seychelles están entre os que asinaron o documento do 15-D.
No prato do pesimismo, poderíase por, a falta de concreción dun texto no que se faga referencia ao comercio de armas no que están inmersos tanto as mafias internacionais coma algúns dos gobernos sentados nas cadeiras da ONU.
Mais cada paso que avanza na consolidación democrática non pode ser menos que saudado con entusiasmo… ¡Iso si!, moderado.
Enlaces relacionados: