20080730 tunez zine el abidine ben ali

Magreb: Terrorismo islamita, xerontocracia e feblezas democráticas

 Zine El Abidine Ben Ali; clic para aumentar
Zine El Abidine Ben Ali anunciou o 15 de xullo, no marco do V congreso da Reunión Constitucional e Democrática, a súa decisión de optar a un quinto mandato presidencial consecutivo en Tunicia. No poder desde 1987, Ben Ali gañou as últimas presidenciais en 2004, cun 94,49% dos votos, resultado que ben puidera reproducirse o vindeiro mes de marzo.
 

O terrorismo islamita ten marcado, unha vez máis, a actualidade no Magreb durante os últimos meses. O 2007 remataba cun dobre ataque con coche bomba en Alxer contra inmobles gobernamentais e de Nacións Unidas que provocaron unha corentena de mortos. Un simbólico bautismo de sangue de Al Qaeda no Magreb Islámico contra o poder alxerino e contra a máxima institución internacional deixaba ben ás claras a intención das hostes de Ben Laden no norte de África. Deste xeito, en 2008 asistimos a unha pléiade de enfrontamentos entre forzas da orde e violentos, secuestros, atentados, uns infrutuosos e non, que deixaron un regueiro de morte e destrución, nomeadamente en Alxeria pero tamén no norte de Mauritania.

A mediados de setembro doce soldados mauritanos resultaron mortos nunha emboscada tendida por efectivos de AQMI preto de Tourine, non lonxe da fronteira con Malí. Era o atentado máis grave perpetrado neste país desde xuño de 2005, cando morreron 15 militares nun ataque terrorista contra un cuartel. O escenario destes dous atentados é o mesmo, o Sahel, un no man’s land que se ten convertido no santuario africano de Al Qaida e onde se ten despregado un comando especial norteamericano para combater ó terrorismo. Durante as últimas semanas de 2008 mesmo o exército marroquí efectuou varias operacións contra estes grupos armados alén das súas fronteiras.

O Foreign Office inglés concluía en febreiro que Alxeria era un dos países do mundo con maior risco terrorista, equiparable a Afganistán, Iraq ou mesmo Paquistán. A intensidade do conflito aínda existente, a violencia cotiá e o fracaso da política de reconciliación e amnistía operada polo goberno, así como os abusos en materia de dereitos humanos, teñen sido particularmente determinantes para esta conclusión. Entre as ducias de ataques operados o pasado ano en territorio alxerino destaca o perpetrado contra a Escola Superior de Xendarmería de Issers, en Cabilia, que acabou coa vida de 43 persoas.

Pola súa banda, Marrocos mantivo durante 2008 o estado de máxima alerta terrorista. Trala desarticulación de varias redes atopáronse evidencias que apuntaban a “inminentes atentados”, o cal xustificou un acusado reforzo da vixilancia. En febreiro foi desarticulada a trama islamita máis perigosa de todas, segundo a policía, dirixida polo cidadán belga de orixe marroquí, Abdelkader Belliraj. Esta tería ramificacións en Europa e mantiña lazos con Al Qaeda e mesmo co chiismo internacional. A destacar que de entre os 33 presuntos membros arrestados, incluíronse varios dirixentes do “islamismo político moderado” en Marrocos.

O 12 de novembro o parlamento alxerino suprimiu a limitación de mandatos presidenciais, permitindo que o septuaxenario e de feble saúde Abdelaziz Bouteflika poida presentarse a un novo mandato. Nunha Asemblea dominada polas forzas da Alianza Presidencial, co antigo partido único, a Fronte de Liberación Nacional, á cabeza, a revisión constitucional foi adoptada unanimemente. A reforma reforzaba ademais os poderes do xefe de Estado, outorgándolle maiores prerrogativas fronte ó goberno e unha meirande independencia fronte ao Parlamento, facendo perigar o equilibrio de poderes, o que fixo que a oposición aludise a un “golpe de Estado constitucional”. Poucos dubidan que Bouteflika será reconducido na presidencia nos comicios de abril cuns poderes inéditos para un xefe de Estado alxerino.

Zine El Abidine Ben Ali anunciou o 15 de xullo, no marco do V congreso da Reunión Constitucional e Democrática, a súa decisión de optar a un quinto mandato presidencial consecutivo en Tunicia. No poder desde 1987, Ben Ali gañou as últimas presidenciais en 2004, cun 94,49% dos votos, resultado que ben puidera reproducirse o vindeiro mes de marzo. O veterano político é a cabeza visible dunha formación que, baixo unha fachada pluripartidista, exerce como partido único que decide os destinos dos tunecinos. Ben que son patentes as carencias democráticas e recorrentes as violacións contra os dereitos humanos, sobre todo contra a oposición islamita e xornalistas, a conivencia con occidente e o seu desenvolvemento económico fan que Tunicia goce dunha imaxe globalmente positiva na escea internacional.

O que foi home forte do réxime, o amigo máis íntimo de Mohamed VI e actualmente deputado, Fouad Ali El Himma, consolidou en 2008 a súa estratexia por conformar un grande polo político. Coa unión entre a súa formación, o Partido Autenticidade e Modernidade, e a Reunión Nacional de Independentes, El Himma conformou o máis importante grupo parlamentario do país, superando á todas a outras formacións, sumando 75 deputados sobre os 325 cos que conta a Cámara de Representantes. El Himma ten acaparado case que toda a atención política en Marrocos no que para algúns responde a unha estratexia para reforzar a presenza de Palacio na esfera partisana.

A subliñar o anuncio de Rabat de iniciar un proceso de descentralización para conformar unha sorte de estado de autonomías en orde a pechar definitivamente o dossier do Sahara Occidental. Por outra banda, o 13 de outubro, Marrocos adquiría un “estatuto avanzado” no seo da UE, converténdose en algo menos cun estado membro pero algo máis que un estado asociado, reforzándose deste xeito as relacións bilaterais en materia de política, economía, sociedade e mesmo cultura.

En Mauritania, ó igual que ocorre noutros países africanos, a democracia non chega a instalarse. Un golpe de Estado operado o 6 de agosto contra o presidente democraticamente electo en marzo de 2007 instalou unha xunta militar á fronte do país que, a pesares da condena unánime e dos ultimatos da comunidade internacional, négase a abandonar o poder.

A visita de Condolezza Rice a Trípoli, no marco dunha xira magrebí máis ampla, escenificou a volta á normalidade co réxime do coronel Muammar Gadafi, que estes últimos anos, no marco do seu particular sistema político, ten operado tímidas reformas políticas e, sobre todo, económicas.