Máis fotos, pero nada novo, agás unha nova proba de que a tortura foi un método xeneralizado do exército invasor de Iraq. Tamén neste caso o seu coñecemento foi impedido de primeiras polo autoridades americanas, e só cando dende Australia se fixeron públicas non tiveron outro remedio que aceptar a súa autenticidade.
John Bellinger, asesor do Departamento de Estado, só opuxo que se difundan nun momento en que "contribúen a avivecer o lume en todo o mundo e a orixinar máis violencia". Ou sexa, que a verdade é a culpable. Para o Departamento de Estado, mellor o silencio, a non verdade.
Pero en todas partes se cocen fabas, e entre nós a caldeiradas. Isto é o grave: o chamado efecto dominó dos acontecementos. Así ocorre, entre tantas outras cousas, co recorte de liberdades ou coa situación dos dereitos humanos, pois se así tortura o país que di promover eses dereitos e a democracia, ningunha razón hai para que os demais non o fagan. Contra estas perversidades, ¿cantas veces se ergue a voz dos que deberan falar?