Mala leite!

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O mercado do leite deteriorouse significativamente nos derradeiros 15 meses. A caída dos prezos do leite afecta de forma severa aos ingresos dos produtores, perturbando a estabilidade social en toda Europa, ata o punto de que os granxeiros enfadados bloquearon as rúas en Bruxelas cos seus tractores no mes de xullo.

De acordo coas cifras da Comisión, os prezos para os produtores de leite caeron dende 30-40 céntimos de media por litro en toda Europa, e nalgúns casos o litro de leite xa se paga por debaixo dos 20 céntimos.

Nun contexto de limitación das axudas aos gandeiros por parte da UE nos dous anos a vir, a atención parece centrarse agora en coñecer as malas prácticas da industria da distribución. É dicir, se os supermercados usan o seu poder de compra para condicionar os prezos dos produtores.
Un segredo a voces, porque a Comisión Europea xa estaba examinando o as práctica anticompetitivas na cadea de produción alimentaria o pasado 21 de xullo, e declaraba que a competición non estaba funcionando e non dubidaría en actuar se era necesario. Agora mesmo o marxe de beneficio dos produtores comparado cos beneficios dos envasadores e distribuidores é moi desigual. Mentres algúns produtores están producindo sen marxe de beneficio, as industrias da distribución móvense no 40 ou 60% de beneficio. As ganancias están mal repartidas e o leite é amais dun produto básico de alimentación, un reclamo para os clientes dos grandes supermercados que chegan a vender o litro por debaixo dos 50 céntimos. So falta agora saber porqué se dá esta situación.

Todos os produtores de leite independentemente da súa nacionalidade, celebran a decisión de manter un ollo sobre os supermercados. Pero aos produtores galegos hai algo que os fai máis vulnerables que os produtores franceses por exemplo. A produción está fragmentada e dispersa, e a liberalización que se propón en Europa contribuirá á concentración da produción é a desaparición dos pequenos produtores. O que plantea ademais serios problemas de equilibrio no rural.

En parte a culpa é nosa xa que se aceptou una cota moi inferior en parte debido a que os gandeiros ocultaban produción real para evitar cargas impositivas. Unha práctica herdada da época franquista cando se intentaba colar a “leite negra” por toda España. Tamén é posible que o goberno español que negociou a entrada na CEE,nos anos 80, aceptase unha cota de produción que permitía a entrada dos excedentes europeos en España.

A fin de contas, o leite que se consume en España supera os nove millóns de toneladas, cando non se pode producir máis de seis, e debemos importar de Francia ou outros países o resto do consumo estatal por enriba da cota que nos corresponde. Isto provocou que se demandara na UE un aumento de cotas, pero non se agardaba que o aumento fose para tódolos países. Asía as cousas, pode parecer que este aumento permitiría aos produtores cubrir os tres millóns de toneladas, pero en realidade o que ocorrerá é que o mercado se abrirá de tal maneira que os grandes produtores de outros países entrarán con forza para vender as sobreproducións tal e como están facendo agora, creando unha forte competencia e baixada de prezos para expulsar do mercado os produtores menos competitivos. E este é escenario previo á desaparición das cotas do leite en 2015.

Ademais, a recente  iniciativa franco-alemana apoiada por 16 países, demanda maior liberdade para axudar aos propios agricultores sen pedir permiso a Bruxelas. É dicir, proponse unha vez máis a aposta por un modelo de produción intensiva en grandes granxas, o que supón a desaparición da pequena produción que xoga un papel fundamental no mantemento do medio rural. O efecto expulsión ven dado polo prezo do leite en orixe que sendo tan baixo fará que moitos produtores vendan a perda ata que finalmente sexan expulsados do mercado promovendo a concentración das producións. O “contrato homologado” en España sona ben, pero non ten ningún mecanismo que garanta a caída de prezos en orixe, nin que obrigue ás industrias a uns prezos estables. Pero o que vai marcar o destino dos produtores galegos van ser os prezos que se negocien nos países veciños.