O Maratón foi antes de máis, unha celebración, na véspera do Día nacional de Galicia, para conectar a Galicia territorial coa Galicia exterior. Concebiuse ademais como un exercicio de intelixencia colectiva, contando coa emigración histórica galega e a nova diáspora, estimulando un diálogo pouco habitual para resignificar a idea de galeguidade e proxectar internacionalmente a Galicia, no mundo interconectado e interdependente do S.XXI.
Desta maneira, con todas as persoas participantes realizáronse conexións con 27 países dos 5 continentes, comezando en Australia e rematando en Arxentina. O programa conseguiu que a Deputación da Coruña dese a volta ao mundo, nun exercicio único de nova diplomacia pública e dixital.
A data escollida quixo subliñar e dotar de contidos a conexión entre a Galicia continental e a Galicia exterior. Da mesma maneira o Maratón achegou unha notable reflexión ao papel da emigración galega na construción da Galicia global de hoxe, así como información concreta e relevante arredor das potencialidades da diáspora como axente para impulsar a Lei Galega de Acción Exterior do ano 2021.
Entre as persoas entrevistadas atopáronse representantes de Centros Galegos históricos en América e Europa, organizacións da nova diáspora do Reino Unido ou Bruxelas, asociacións de empresarias e empresarios galegas no exterior como a de Madrid ou do Uruguai, traballadoras en Consulados e sedes diplomáticas, investigadoras e investigadores da Asociación Internacional de Estudos Galegos, emprendedores ou profesionais variados na ciencia e a medicina, o xornalismo, a publicidade ou a Universidade.
Entre as entrevistadoras estiveron xornalistas, creadores de contido en galego, así como representantes dos novos medios galegos de internet nacidos na diáspora, escritoras, artistas, profesores universitarios e até representantes do corpo consular en Galicia.
Ao longo do programa percorrimos as rutas da seda, o mundo atlántico, os Camiños a Santiago, a África de lingua oficial portuguesa, a diáspora americana do S.XIX e XX… Galicia e as galeguidades son abertas e plurais, adscritas no rexistro ou adquiridas por vontade ou desempeño, mais en todas converxe a constatación que o programa confirmou, Galicia continúa a ser célula de universalidade, que dicía Plácido Castro e a Xeración Nós.
Tanto o Maratón como o Informe final que realizará o IGADI para a Deputación da Coruña, aspiran a ser un acontecemento para axudar a mudar o fluxo da normalidade na acción exterior de Galicia e as políticas tradicionais de Galicia coa súa emigración.
Nunha declaración de intencións o Maratón comezou con pezas musicais do Cancioneiro popular galego (homenaxeado no próximo Día das letras de 2025) abrindo a conexión cos estudos centrais do programa o último éxito pop de Sabela Ramil.
Aínda non o viches? Agora mesmo tes o Maratón íntegro na web do proxecto, galeguidades.hub.gal
Nota: Desde o 27 de setembro atópase dispoñible na canle de Youtube do IGADI, unha Lista de reprodución cos 27 cortes separados por países, as entrevistas previas de contexto e marco teórico, así como un especialísimo Bonus track , con entrevistas a ongd coas que coopera a Deputación, como Semillas para el Cambio, Asemblea de Cooperación pola Paz, Ayuda en Acción ou Causas Comúns. Tamén con Julio Quintela Casal, que achegounos a natureza da problemática e solucións da crise ecolóxica global.