Marrocos e o auxe islamista

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

A gran demora en anuncia-los resultados oficiais das eleccións lexislativas do 27 de setembro pode interpretarse de dúas maneiras. Dende certo punto de vista, pode pensarse que este atraso resta credibilidade ó proceso democrático marroquino, opinión reforzada pola baixa taxa de participación (55%), aínda menor ca nas eleccións do 97 (58,3%). Tendo en conta que falamos dunha democracia estigmatizada por catro decenios de falsificación electoral, a participación mesmo podería definirse como honorable. Por outra banda, tamén pode pensarse que esta era a primeira vez na historia de Marrocos que cabía a incerteza en canto ó resultado electoral, e este é un feito que cómpre valorizar, en canto característica da democracia, de xeito positivo

A interpretación dos resultados amosa tamén un fondo ambiguo. En primeiro lugar, os datos presentan como primeira forza á Unión Socialista de Forzas Populares (USFP, 45 escanos) do primeiro ministro Yussufi, a pesar de que perde doce escanos e ve achegarse ós 43 escanos ó histórico Istiglal (que di ter outros resultados que os ofrecidos por Interior), a idea resaltada é a de continuidade, porque se presenta como única opción probable a de renovar goberno. Isto supón a reconstrucción da maioría gobernamental con compoñentes habituais: A USFP, o PI (43 escanos), o FFD (10), o PPS (9), O PSD (6) e, naturalmente, o RNI (38), Partido Nacional de Independentes, formado por barones vencellados á corte, que queda empatado co PJD. Este mapa parlamentario, atomizado e sen maiorías homoxéneas, reforzará, sen dúbida o papel dirixente do monarca Mohamed VI.

A outra opción de goberno é descartable: forma-lo coa terceira forza (islamistas moderados do PJD) e a miríade de pequenos partidos (ata 22) que entran no Parlamento unha coalición parlamentaria de longo espectro político. O feito de o PJD (Partido da Xustiza e o Desenvolvemento) pactara non presentarse en case a metade das circunscrición electorais (aínda así triplica os resultados do 97) supón un exercicio de disciplina que a coloca cunha imaxe de forza responsable que apoia o proceso ó autolimitarse no camiño cara o goberno.