Marrocos: o Discurso do Rei

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

Tomando por sorpresa a iniciativa política, o discurso do rei Mohammed VI realizado o pasado 9 de marzo anunciando unha serie de “profundas reformas constitucionais”, certifica os temores en Rabat, EEUU e Europa ante a posibilidade de que a rebelión popular no Magreb finalmente afecte a estabilidade dun socio tan estratéxico como Marrocos.

Provisto dun manto de marcado simbolismo monárquico, Mohammed VI realizou o seu discurso franqueado polo seu pequeno fillo Mulay el-Hassan e polo seu irmán, o Príncipe Mulay Rashid, nunha táctica evidentemente orientada a ofrecer unha imaxe de solidez da monarquía en momentos de fortes tensións non mundo árabe.

Evitar a “tunisización” de Marrocos

Con isto, o monarca marroquí anunciou unha serie de reformas constitucionais que serán sometidas a referendo popular, contemplando a amplitude de poderes para o Parlamento e o cargo de primeiro ministro (actualmente en mans de Abbas El Fassi, do nacionalista Partido Istiqlal); a separación de poderes e unha maior independencia para o poder xudicial; e aspectos de carácter cultural, como o recoñecemento da identidade amazigh bérber do pobo marroquí, e a consolidación do proxecto “autonomista” e “rexionalista” para o Sáhara Occidental.

Este intento por asentar unha inédita monarquía parlamentaria en Marrocos sen alterar significativamente os poderes absolutos do monarca, enfócase na necesidade de evitar un eventual efecto de “tunisización” do escenario político e social, en especial ante a activación dunha serie de protestas e manifestacións por parte do recen constituído Movemento dos Mozos do 20 de febreiro (M20F), actualmente configurado como o máis dinámico e militante sector da oposición marroquí, e que fai referencia á data de inicio destas maiores protestas.

Maila que a maioría da opinión pública marroquí celebrou a “clarividencia” do monarca no seu discurso, diversos sectores políticos recibiron con marcado escepticismo e desconcerto a posibilidade de que se leven a cabo estas reformas constitucionais, cualificando o mesmo como unha operación cosmética e un “maquillaxe” do réxime monárquico. Para o próximo 20 de marzo está convocada unha multitudinaria manifestación popular organizada polo M20F, que promete servir como un pulso político clave para medir o impacto e consistencia desta incerta oferta reformista constitucional.

Este nivel de expectación e escepticismo se reflicte ante a posición oficial do propio M20F, que manifestou que o discurso do rei “supón un éxito para as nosas reivindicacións” de apertura democrática pero que as mobilizacións “deberán continuar”como medida de presión. O temor de perder a iniciativa política persuade igualmente ao réxime monárquico a activar unha inmediata “man dura” cando a situación o requira: o pasado 13 de marzo, as forzas policiais reprimiron con inusitada forza unha manifestación cívica convocada por grupos de esquerda e partidos islamitas “tolerados” polo poder.

As cartas occidentais

Non obstante, e a pesar de apreciarse síntomas de descontento social e político, dificilmente Marrocos mergullarase de forma dramática na dinámica de cambios que actualmente están sacudindo ao Magreb e o mundo árabe. Rabat consolida unha posición vital para os intereses estratéxicos occidentais, principalmente en materia de seguridade, loita antiterrorista e de inmigración ilegal, e explotación de recursos naturais (pesca, fosfatos e enerxía solar), dos que se benefician países como Francia, España, EEUU ou Gran Bretaña.

Tras a caída de Mubarak en Exipto, EEUU e Europa dificilmente aceptarán a perda dunha peza clave no mundo árabe como Marrocos, unha perspectiva que obrigará a afianzar aínda mais os resortes de poder de Mohammed VI. Pode así que o anuncio das reformas constitucionais sirva tamén á elite do poder en Rabat para gañar tempo e anticiparse a determinadas manifestacións de descontento, así como para dar curso a unha posible reestruturación do seu gabinete que, incluso, pode afectar o peso político do actual primeiro ministro El Fassi.

Rabat mide con cautela os factores que poderían reproducir os efectos da rebelión árabe en Marrocos, en especial o impacto social que poidan causar as denuncias de corrupción dentro do entorno de Mohammed VI, ás limitacións na participación política e á perpetuación de desigualdades socioeconómicas. Pero non semella probable observar fisuras ou un debilitamento palpable do poder da monarquía marroquí, fortalecida por unha opinión pública domesticada, do apoio do establishment político e económico, das Forzas Armadas e dos intereses de París, Madrid e Washington.

Finalmente, o anuncio da “rexionalización” do Sáhara Occidental reforza os desexos de Rabat por desactivar de forma definitiva as demandas independentistas e autonomistas saharauís, perpetuando así a paralización de calquera iniciativa de negociación coa Fronte Polisario por parte da ONU. Co beneplácito dos seus aliados occidentais, incomodados á hora de impulsar unha negociación que contemple as lexítimas aspiracións saharauís, esta oferta de autonomía tutelada por Marrocos buscará tamén sepultar o impacto da brutal represión marroquí contra os campamentos de refuxiados saharauís de El Aaiún de novembro pasado.

Entre as reformas e a presión da rúa, con especial atención ao peso do M20F e doutros sectores como os sindicatos e partidos islamitas ilegalizados pero tolerados, tales como o Movemento Xustiza e Espiritualidade (cualificado como o de maior capacidade de mobilización no país), Marrocos afronta unha etapa marcada polas complexidades da súa vida política e social nun entorno rexional sumamente turbulento.

Baixo a mirada expectante dos seus socios occidentais e atemorizada ante a perspectiva dunha rebelión popular que altere o status quo e de paso a un período de inestabilidade, resulta pouco clara a vontade da monarquía marroquí para afondar nun amplo proceso de reformas constitucionais de carácter democrático e progresista que afronten o risco de ver modificado o seu poder. Sorteando estes escenarios, o rei Mohammed VI semella convencido de liderar a iniciativa política como ferramenta de anticipación duns cambios que poucos cren que realmente poidan levarse a cabo.