20051106aaiun 30 aniversario marcha verde01

Marrocos-Sahara: discursos novos, ¿rumbos vellos?


 Aniversario Marcha Verde, clic para aumentar
O pasado día 6 de novembro, Marrocos conmemorou o 30º aniversario da súa “Marcha Verde”. Esta data fai referencia, no imaxinario colectivo da nación marroquí, a esa avalancha de máis de 350.000 persoas que, lanzadas cara as fronteiras do Sahara Occidental por Hassan II en 1975, estarían supostamente trala final liberación das súas “provincias do sur” do xugo colonial español. (Foto: Celebración no Aaiún).
 

O pasado día 6 de novembro, Marrocos conmemorou o 30º aniversario da súa “Marcha Verde”. Esta data fai referencia, no imaxinario colectivo da nación marroquí, a esa avalancha de máis de 350.000 persoas que, lanzadas cara as fronteiras do Sahara Occidental por Hassan II en 1975, estarían supostamente trala final liberación das súas “provincias do sur” do xugo colonial español. Nesta particular onomástica, a alocución que Mohamed VI dirixe tradicionalmente ó seu pobo é o prato forte, o momento máis esperado. Este ano, dentro dos contidos concretos do discurso desenvolvido polo rei, por descontado, quedou novamente claro que a posición marroquí, inquebrantable neste senso, segue a considerar dun xeito “incuestionable” a súa soberanía sobre dito territorio.

Nembargantes, se ben sobre o ámbito sinalado non existe cambio algún, o monarca Alaluí si introduciu na súa arenga un elemento un tanto novidoso e que, aínda que de consumo habitual desde fai tempo entre a clase política e unha pequena elite intelectual dentro do país magrebí, é a primeira vez que transcende de forma xeneralizada á area pública. Así, deste xeito, Mohamed VI falou da conveniencia de abrir un debate cos partidos políticos para implementar un sistema rexional que dote a esta zona dunha “ampla autonomía, acorde esta coas súas especificidades particulares”(1). Este proxecto, a propoñer ante Nacións Unidas, sería sometido nunha etapa ulterior a unha “consulta” popular, a unha sorte de referéndum. Tales intencións implican, sobre todo, un cambio substantivo nos termos do plebiscito. Agora, segundo a proposta real, no canto da autodeterminación, a decisión xiraría arredor do autogoberno baixo o paraugas soberano de Marrocos. Tal posicionamento, como era de esperar, non tardou moito tempo en seren criticadas desde o Fronte Polisario e desde a propia Arxelia.

No referente ó dosier do Sahara Occidental, a situación de impase é, quizais, unha das súas características máis definitorias. A finais do mes de maio, coas manifestacións violentamente reprimidas polo réxime de Rabat en diversas localidades saharauis e cun clima que algúns denominaron como de “intifada”, moitos quixeron ver que algo comezaba a moverse. Desde entón, entre algúns dos feitos máis salientables, vimos como varias delegacións españolas e europeas se viron impedidas de desembarcar no aeroporto de El Aaiún, asistimos a acusacións de violacións dos dereitos fundamentais dos individuos da parte de Marrocos, á liberación dos militares marroquís aínda nas cárceres do Polisario máis dunha década despois da finalización do conflicto bélico, o nomeamento de Peter van Walsum para cubrir o baleiro deixado por Álvaro de Soto como enviado especial de Nacións Unidas na zona… Todo en van. Máis de tres décadas despois que fora aberto este expediente de descolonización, semella que todo está de novo emprazado no habitual enquistamento de posicións e no inmobilismo case que absoluto.

Vellos instrumentos e referentes sobre os que xiraba a posible solución do contencioso, semellan tamén vetustos. Os plans do antigo secretario de Estado norteamericano, James Baker, parecen non ter xa o crédito de antano. O establecemento dun prazo prudencial para a celebración dun referendo na rexión e de dirimir a través deste o seu estatuto político, xa non se considera viable segundo as máis recentes declaracións de varios líderes mundiais. O mesmo Josep Borrell, presidente do Parlamento Europeo, declarou que esta solución atopábase “sobrepasada e caduca”. Doutra banda, o peso dos actores e a súa representatividade tamén sufriron modificacións durante os últimos tempos. Así, a organización independentista saharaui semella non contar tampouco demasiado, en tanto que interlocutor válido, nas quinielas de países como Estados Unidos, Francia ou a propia España. Os novos desenvolvementos e recentes declaracións dalgúns representantes estadounidenses e de países da Unión Europea apuntan a que o contencioso debe ser resolto entre Arxel e Rabat.

O que si parece consolidarse, sobre o terreo, é o agromar dunha nova xeración de contestatarios saharauis. Estes, proclives á autodeterminación, non se poderían encadrar nembargantes dentro das filas do Polisario e non recoñecerían a aqueles que, desde Tinduf, din falar no nome do seu pobo. A complexización do conflicto, coa introducción na análise de novos elementos e actores, deixando de considerar á sociedade da antiga colonia española como una masa uniforme e monocolor, semella un novo descubrimento para algúns e unha fonte de cambios significativos en canto ó plantexamento e definición do contencioso. A extensión do problema e das reivindicacións cara zonas situadas ó norte do Sahara Occidental, ó coñecido como Sahara marroquí e que non era motivo algún de disputa nin discordia con Rabat, é outro feito a ter en conta. Algúns dos novos líderes, dos novos cadros, son oriúndos de vilas marroquís cuxa soberanía nunca ate este momento fora antes cuestionada. A definición destes en tanto que saharauis e a identificación da súa loita coa dunha rexión moito máis ampla, todo lonxe do paraugas do Polisario, non cabe dúbida que é se cabe o feito máis salientable a seguir de preto durante os próximos meses.