O nomeamento do candidato republicano ás próximas eleccións presidenciais de EEUU quedou selado a pasada semana coa nova vitoria de John McCain. O senador de Arizona venceu en todas as primarias republicanas de Ohio, Texas, Rhode Island e Vermont, sumando xa un total de 22 e superando a marxe necesaria para lograr o nomeamento. McCain anunciou a entrada agora noutra fase da campaña na que destacará as diferenzas cos demócratas, salientando a veteranía de quen foi catro veces senador fronte á inexperiencia relativa dos seus rivais, sobre todo de Obama. Para setembro, cando a convención nacional do Partido Republicano oficialice a designación, conta con vencer o escepticismo que rodea unha candidatura que, pola calada e coa atención informativa centrada na pelexa demócrata, foise colando ata situarse en condicións de quecer a contenda definitiva cos demócratas en novembro.
McCain, veterano de Vietnam, semella disposto a botar man das políticas belicistas da actual administración republicana, salientando que Obama só leva tres anos no Capitolio e que nada sabe, ao igual que Hillary Clinton, de materias de seguridade e defensa, asuntos centrais, para desgraza do mundo, no mandato de calquera ocupante da Casa Branca. Bush xa ofreceu o seu apoio formal a McCain. Agora debe traducirse en progresos visibles na situación de Iraq. Se esa estratexia funciona, aos seus 71 anos, podería converterse no presidente máis vello na historia de Estados Unidos.
Do lado demócrata, a remontada de Hillary Clinton permítelle continuar na carreira, pero Obama segue en cabeza, aínda que a menor distancia. A seguinte proba será o 22 de abril en Pensilvania. Nas semanas que restan por diante, caben dúas posibilidades: ou agardar unha dura pugna que podería manterse ata a convención nacional de agosto, ou un entendemento entre ambos. O temor a un mutuo desgaste acentuado pola necesidade de ambos rivais de poñer fin ao empate técnico podería estimular algún tipo de acordo que salve a tempo a unidade dos demócratas e supere a incerteza da súa base electoral. Algunhas sondaxes sinalan que, pese a todo, os candidatos demócratas van por diante do republicano. Outras, como a de Los Angeles Times e Bloomberg publicada hai un par de semanas, situaba a McCain por diante de Hillary Clinton e Obama. Esa outra remontada de McCain podería tender a aumentar a medida que persista e se exacerbe o enfrontamento demócrata.