Medios en acción… exterior

O feito exterior anega a nosa vida cotiá. O internacional deixou de ser aquel espacio reservado a especialistas para adentrarse en círculos cada vez máis amplos e nos que o exterior se configura como un eixo fundamental para proxectarse vitalmente. Da suba dos prezos do petróleo ao futuro da pesca, cada vez máis persoas e sectores sociais son conscientes desta implicación do internacional nas súas vidas. A esa tendencia global debemos sumar o feito da participación de Galicia en foros supranacionais; a propia asunción de responsabilidades exteriores ó liderar foros de ámbito internacional como a Comisión do Arco Atlántico, a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, etc; e mesmamente o feito de que necesidades inmediatas da nosa comunidade ou a vitalidade de sectores tradicionais da nosa economía vense condicionados ou afectados por debates e acordos que se deducen en foros de decisión situados ben lonxe de Santiago de Compostela ou Madrid. O internacional non é algo alleo ou afastado.

En Galicia, os medios de comunicación contan cunha longa tradición de atención ó local. Esa tendencia debe ser equilibrada agora coa apertura de espacios xenerosos para abordar a información internacional, non soamente desde aquela perspectiva que informa sobre o que acontece no mundo de igual maneira que o fan todos, senón facilitando aquela información que interesa e debe importar ós lectores e á sociedade galega, que mantén con determinados lugares do mundo unha relación privilexiada, ben sexa a nivel económico, político, social e cultural. O equilibrio entre o local e o internacional debe establecerse a partir do ensanchamento desa intersección que liga a un e a outro espacio a través do interese concreto da nosa colectividade. É o que podíamos chamar, a "localización" do exterior que nos pode levar a seguir máis de preto o acontecer de lugares tan dispares como Portugal, por razóns obvias, ou Taiwán, en función da importancia dese país para a exportación dun producto tan significativo para Galicia como a pedra.

A prensa pode desempeñar un papel esencial no fomento de determinados hábitos, na sensibilización e formación dunha cultura empresarial e social atenta ó feito exterior e pode e debe apostar por unha maior implicación nos intereses exteriores de Galicia. Non se trata de acompañar acríticamente iniciativas políticas de signo partidista e mesmo institucional, senón dunha aposta estratéxica que parte da premisa de que boa parte do noso futuro pasa inescusablemente por establecer unha relación favorable co exterior. E esa demanda esixe comprender o mundo e o que nel acontece para viralo en favor noso.