Medo a “Il Cavalieri”

O complexo sistema electoral e a coincidencia coas eleccións municipais en varias cidades fai que os resultados definitivos tarden en coñecerse. Mais a victoria da alianza encabezada por Silvio Berlusconi é segura, mesmo con maioría absoluta. O candidato da outra gran coalición Francesco Rutelli recoñeceu a victoria do “home máis rico de Italia” quen será tamén o “home con máis poder de Italia”. Tanto poder (económico, político, mediático) concentrados nas mans dun só home son de temer, e mais se temos en conta aos “compañeiros de viaxe” que o acompañan.

No Senado 175 escanos para a Casa das Liberdades por 128 da Oliveira e 11 doutros. Na Cámara de deputados entre 330 e 365 para os primeiros e entre 250 e 280 para os segundos; entre 6 e 12 para Refundación Comunista; 6 para a Lista Di Pietro e entre 3 e 6 para outras candidaturas.

A coalición de Berlusconi está formada por Forza Italia o partido fundado polo propio magnate en 1994, a neofascista Alianza Nacional herdeira do vello partido fascista MSI; os cantonalistas reaccionarios da Liga Norte; ademais doutros partidos menores como a neofascista Fiamma Tricolore ou o novo Partido Socialista do fillo de Craxi. Un perigoso cóctel de dereita extrema e resentidos polas operacións anticorrupción de hai uns anos.

Non menos variada é a coalición de Rutelli na que a forza máis determinante é Demócratas de Esquerda, herdeiro de vello Partido Comunista; os Demócratas, partido fundado por Romano Prodi e ao que pertence Rutelli; a alianza Margarida da que forman parte os democristiáns do PPI; a alianza centrista Udeur; a alianza Xirasol de varios grupos ecoloxistas e os Comunistas Italianos, un dos grupos nos que se dividiu o PCI.

Ao marxe das dúas grandes coalicións mantivéronse: Refundación Comunista liderada por Fausto Bertinotti, que se consideran herdeiros do PCI; a Lista Radical, encabezada por Emma Bonino; a Italia dos Valores de Di Pietro e Democracia Europea, inspirada polo incombustible Andreotti.

A complexa vida política italiana inicia unha nova xeira, na que o magnate da televisión privada controlará tamén as cadeas estatais, na que dende a xefatura do goberno resolverá contenciosos sobre as empresas ou grupos financeiros dos que é accionista ou propietario. Unha concentración de poder que nunca se coñeceu nun sistema democrático. Semella evidente que Berlusconi non vai promover o intervencionismo estatal que caracterizou ao réximes autoritarios de entreguerras. Non será pois un fascismo en sentido pleno. Mais a seu excesivo poder, a súa megalomanía, o apoio en sectores de tendencias autoritarias, anuncian un período de escasa fertilidade para o pluralismo ideolóxico e político. Desta vez Berlusconi seguro que se asegurou de que vai durar máis dos sete meses que na ocasión anterior.

Se á beira do triunfo de Berlusconi en Italia poñemos a presencia dos “populistas” de Haider no goberno austríaco e a cada vez maior presencia do SVP de Blocher en Suíza, podemos constatar o paulatino avance das posicións máis extremas da dereita en Europa.