Ménem perante o xuíz

A actualidade informativa arxentina continúa convulsionada. No medio da maior crise económica que vive o país dende finais dos oitenta, as decisións políticas e os autos xudiciais contribúen a alterar aínda máis a unha opinión pública extraordinariamente politizada. A última "bomba" informativa para os arxentinos é a decisión do xuíz federal Jorge Urso de imputar ó ex-presidente Carlos Ménem no caso que está a seguir pola presunta venda ilegal de armas a Ecuador e Croacia a mediados da década dos noventa.

O xuíz, baptizado xa coma o "Garzón" arxentino por levar tamén varios casos de roubo de nenos durante a dictadura, decretara fai un mes, como medida preventiva, o arresto domiciliario do ex-presidente. Agora, procésao coma presunto "xefe dunha asociación ilícita", delicto non excarcerable e para o que se contemplan penas de entre cinco e dez anos. Segundo o xuíz federal, Ménem sería a cabeza dunha organización que, aproveitando os seus postos na administración e no exército, desviou material militar cara o Ecuador e Croacia, países sobre os que entón pesaba un embargo de armas por parte da ONU.

No proceso iniciado na corte federal arxentina atópanse tamén implicados, entre outros, o xeneral Martín Balza, ex-xefe do exército arxentino e primeiro militar en facer un exame de conciencia público polo papel das forzas armadas durante a dictadura; Guido Di Tella, ex-ministro de Exteriores de Ménem ou Erman González, ex-ministro de Defensa. Segundo o auto do xuíz, os integrantes desta organización, dirixidos por Ménem "dende a sombra", venderon ilegalmente 6.500 toneladas de armas e municións a Ecuador durante o seu conflicto con Perú, e a Croacia durante a guerra de Bosnia. Isto lograríase tra-la falsificación do contido de catro decretos presidenciais secretos que tiñan a Panamá, Bolivia e Venezuela coma destinos falsos das armas.

Os partidarios do ex-presidente, pola súa parte, envorcáronse nunha campaña pública de manifestacións polo que consideran unha persecución política. Os membros do Partido Justicialista (peronista) comparan ós dous ex-presidentes, Ménem e Perón, e se denuncia unha campaña de acoso e derrubo tra-las súas respectivas décadas de goberno.

Pola súa banda, a prensa local destaca o feito de que este caso constitúe "a primeira resolución da historia xudicial arxentina" na que un xuíz nomeado durante un goberno democrático leva ó cárcere a un ex-presidente constitucional. Todo iso, no contexto dunha crise económica que dura máis do pensado, con ramificacións diversas: conflicto de Aerolíneas Argentinas, inoperancia do goberno de De la Rúa, rumores de dimisión presidencial, contaxio das bolsas internacionais que afecta particularmente ás empresas españolas alí desembarcadas e conflictividade social xeralizada.

Ménem, que cumpriu a pasada semana 71 anos e que hai pouco máis dun mes casou cunha ex-miss chilena, xa anunciou a súa intención de defenderse con tódalas súas armas. A súa última estratexia para eludir o proceso xudicial sería presentarse coma senador suplente pola súa provincia, La Rioja. O primeiro candidato, o seu irmán Eduardo, manifestou xa a súa disposición para retirarse oportunamente e deixar baleiro o cargo, e a inmunidade parlamentaria que conleva, ó ex-presidente encausado.