¿Menos exterior?

Galicia necesita un impulso exterior. Agora que unha nova lexislatura comeza non pode haber mellor momento para artellar aquel enfoque que tensione os nosos recursos, multiplique as sinerxias e proxecte en debida forma unha mirada cara fóra que transforme os desafíos do presente en oportunidades de futuro. O reforzamento do departamento exterior da Administración galega debe evidenciar a intensidade desa percepción que nos sitúa ante un horizonte de alargamento comunitario e a demanda de alternativas para manter o noso curso internacionalizador e de progreso, aspectos ambos os dous cada vez máis interrelacionados.

Hai tempo que dende estas mesmas páxinas vimos reivindicando un esforzo de clarificación. Catro anos despois da creación da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior e, posteriormente, desa Comisión de Acción exterior que debe facilitar a coordinación interadministrativa, quedan aínda segmentos competenciais dispersos que non se explican nunha administración moderna e ambiciosa como pretende ser a galega. Un exemplo visible e evidente é a cooperación ao desenvolvemento, competencia exercida na lexislatura pasada pola Dirección Xeral de Relacións Institucionais (?). É o momento de establecer mecanismos de integración que faciliten a coordinación da cooperación coa acción exterior. Asi acontece en Cataluña, no País Vasco e na maior parte das Comunidades Autónomas. É a definición dos nosos ámbitos estratéxicos quen debe guiar a acción en materia de desenvolvemento no marco dunha política que asente o exterior no conxunto da acción pública galega con entidade suficiente como para impregnar ao bloque de actores obxectivamente implicados nesta transcendental materia.

A Administración pode e debe liderar ese cambio de mentalidade que ven desenvolvendo a sociedade galega, cada vez máis sensibilizada a respecto do exterior, clarificándose internamente, alentando o consenso social responsable e vertebrador para construir escenarios nos que prime o pragmatismo e dispoñendo mecanismos de participación e de control no ámbito parlamentario.

É a ocasión tamén de contar con Portugal e coa nosa emigración nunha perspectiva innovadora. No primeiro aspecto, rendabilizando máis e mellor a proxección exterior da eurorrexión, o que só se pode facer potenciando alianzas estratéxicas, sen desconfianzas. No segundo, esa nova Consellería debería apostar por construir un novo modus vivendi entre as dúas Galicias. Debemos considerar unha política de asistencia con todas as garantías democráticas, pero sobre todo é o momento do lobby, de optimizar ese inmenso capital humano incorporando a tantos descendentes de galegos que hoxe ocupan posicións clave en numerosos dominios e en tantos países, a un compromiso mutuamente beneficioso, sen descuidar o intimismo desa saudade, ese "instinto da vida" que dicía o noso Plácido Castro, pero cimentando o futuro.

Se Galicia non pode desaproveitar esta lexislatura, a medida do aproveitamento vainos vir dada pola reducción ou incremento do peso do exterior na nosa acción pública. Tempo ao tempo.