Chen Shui-bian perdeu as eleccións lexislativas celebradas en Taiwán o 11 de decembro. Despois da victoria do 20 de marzo, cando foi reelixido en medio dunha intensa polémica e dunha impoñente protesta cívica que o Tribunal Supremo viu a desautorizar hai escasas semanas ao confirmar a legalidade do proceso, estas eleccións do pasado sábado tiñan unha importancia crucial para asegurar a base parlamentaria que había permitir a implementación da súa estratexia criptoindependentista.
A amplitude da derrota foi inesperada. O vello Kuomintang ampliou contra prognóstico a súa maioría e garantiuse o apoio dos seus aliados do Partido Pobo Primeiro, unha escisión súa, e do deputado do Partido Novo, pro-Pequín; a maiores, dous independentes son achegados; en total 116, para unha maioría absoluta de 113 e fronte aos 101 dos chamados verdes, do gobernante PDP e a Unión de Solidariedade de Taiwán, do ex presidente e filonipón, Lee Teng-hui.
As implicacións da derrota de Chen, que a pesares da reelección viuse tamén cuestionado pola insuficiencia legal da consulta plebiscitaria de marzo, son importantes. O plan de Chen consistía en elaborar unha nova Constitución da Formosa que entraría en vigor en 2008, ao remate do seu derradeiro mandato. O ano próximo debería elixirse unha Asemblea Nacional especial que iniciaría os traballos e alentaría o debate público. O proceso, de facto, comezaría de inmediato, introducindo o cambio de nome da República de China, que pasaría a denominarse Taiwán nas representacións diplomáticas e nas oficinas de representación que posúe no estranxeiro, así como nas empresas estatais. Para non desautorizarse a si mesmo, Chen, que asumiu no discurso de toma de posesión en 2000 as chamadas cinco negativas, entre elas a de non modificar o nome do país, insiste en que se trata de reforzar a identidade pero non de alterar o statu quo vixente entre os dous lados do estreito. O caso é que ata para o portavoz do departamento de estado de EEUU, Adam Ereli, tivo que admitir que esa proposta “tende a mudar unilateralmente o statu quo de Taiwán”.
Seguirá adiante con esa estratexia aínda sen contar con maioría parlamentaria suficiente? É posible que o intente, pero como aconteceu coa proposta de Lei de Referendo, as súas intencións serán considerablemente rebaixadas por unha maioría que aínda insiste na lóxica da unificación, se ben discrepa abertamente dunha visión continental, pouco flexible.
O arrefriamento afectará tamén a outro dominio que preocupa en China: as compras de armamento. Chen barallaba a adquisición de armas avanzadas en EEUU por valor de 18.200 millóns de dólares, coa escusa, facilitada polos informes do propio Pentágono, de que China está a modernizar os seus equipos e capacidades para atacar a illa en caso de necesidade. A oposición criticaba este plan de Chen, que pola súa envergadura algúns avistaban como complemento indispensable do programa político criptoindependentista, dado que podía estimular unha verdadeira carreira de armamentos na zona. Esta dinámica e a sucesión de exercicios militares por parte de EEUU, China e Taiwán, levaron ao primeiro ministro de Singapur, a reclamar prudencia e coidado, pois calquera fallo, do que ninguén pode librarse, podía derivar en traxedia.
A derrota de Chen Shui-bian evidencia que unha maioría social non secunda a aceleración histórica que pretende imprimir ao actual curso político. É unha oportunidade para China que non atopou aínda o xeito de encandilar aos taiwaneses a pesar dos bos negocios que fan no continente. I é que a pesar de todo e por fortuna, o diñeiro non o arranxa todo. ¿Axudará? Veremos.