Mercado mortal

O SIPRI (Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo) deu a coñecer o seu Informe sobre a evolución do mercado do armamento en 2010. A súa conclusión é contundente: pese á crise, a carreira de armamentos evoluciona á alza.

Algúns datos: India converteuse no primeiro importador mundial de armas (Rusia é o seu provedor principal). Os gastos mundiais en armamento seguen liderados por Estados Unidos, experimentando en 2010 o seu máis feble crecemento (1,3 por cento) desde 2001 para sumar 1 billón 630.000 millóns de dólares. En 2009, os cen maiores fabricantes mundiais de armamento, excluíndo a China, venderon armas por valor de 401.000 millóns de dólares.

Dous eidos destaca o SIPRI: as armas nucleares e a loita polos recursos. No primeiro, pese aos compromisos de redución (que serviron de xustificación para o Nobel da Paz a Barack Obama), a modernización dos sistemas de armas nucleares é un paradoxal lugar de encontro común. Tanto EEUU como Rusia, Gran Bretaña, Francia ou China, todos eles asinantes do Tratado de Non Proliferación, están envolvidos en proxectos de novos despregues destas armas. No caso de India e Paquistán, ademais, aumentan o número de cabezas e a súa capacidade para producir materia fisible destinada a uso militar. Incluíndo a Israel, as cabezas nucleares suman aínda máis de 20.500, das que máis de 5.000 están despregadas e listas para ser usadas.

Respecto dos recursos, o SIPRI recórdanos que o petróleo é inseparable das tensións vividas en países como Sudán ou Libia. A loita polas riquezas naturais incrementará os conflitos internacionais, agudizándose tanto pola maior demanda (de India e China, especialmente), como pola penuria inducida polo cambio climático que pode influír no aumento dos prezos de bens sensibles como os alimentos, unha das causas explicativas, por exemplo, das convulsións vividas recentemente no norte de África. Os prezos dos alimentos poderían duplicarse de aquí a 2020, destaca o SIPRI.