Merkel e Sócrates en mans dos socios minoritarios

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Baixo o prisma das eleccións lexislativas previstas para o próximo 27 de setembro, Alemaña e Portugal definirán o seu futuro político para os próximos catro anos nun momento clave para medir a solidez do proxecto de integración europeísta.
 
En ambos escenarios electorais, a conservadora Anxela Merkel e o socialista José Sócrates buscan as súas respectivas reeleccións dentro de contextos mais ou menos similares. Ata comezos de setembro, Merkel cabalgaba con soltura nas enquisas pero dúas sorprendentes derrotas electorais nos länder de Sarre e Turinxia complicaron subitamente o seu panorama, circunscrito agora á necesidade imperiosa de buscarse posibles socios de goberno para a próxima lexislatura.

A posibilidade real de non alcanzar unha maioría absoluta o próximo 27 de setembro persuadiu a Merkel a acelerar os contactos políticos cos liberais do FDP como posible socio de goberno, que substitúa a incómoda “gran coalición” mantida cos socialistas do SPD desde 2005. Os constantes “cantos de serea” de Merkel ao FDP contrastan cos duros ataques que profire contra o seu principal rival e ex ministro de Asuntos Exteriores, o socialista Franz-Walter Steinmaier, a quen acusa de pretender unha coalición “vermella” con A Esquerda (Die Linke) e Os Verdes.
           
Se ben as enquisas consideran unha vitoria de Merkel e o CDU, a clave está na evolución dos partidos minoritarios: a FDP, Die Linke e Os Verdes. Os tres cifran as súas cartas electorais en converterse nos “partidos bisagra” da próxima lexislatura, como as claves de apoio do futuro goberno en Berlín. Con isto, a crise económica pode definir un novo escenario que potencie o avance dunha nova esquerda personificada en Die Linke e Os Verdes, con claras repercusións para o próximo goberno alemán e, especificamente, para o modelo de desenvolvemento do considerado motor económico europeo.

Pola súa banda, as eleccións portuguesas amosan un panorama mais complexo para Sócrates, cunha vantaxe sobre o conservador PSD que semella minorar substancialmente de acordo ás últimas enquisas. A polarización electoral en Portugal moi posiblemente definirá un complexo quebracabezas para o próximo goberno, sumamente dependente das alianzas políticas que certifiquen un determinado nivel de debilidade política.

As recentes enquisas estiman que, en caso de gañar sen maioría absoluta, Sócrates verase obrigado a pactar co Bloco de Esquerda (BdE), cuarto ou terceiro partido en discordia, para poder garantir a gobernabilidade ata o 2013. Pero estas opcións non semellan tan seguras, tomando en conta os recentes roces entre Sócrates e o candidato do BdE, Francisco Louça.

Igualmente debe observarse con atención a posibilidade de ascenso electoral do Partido Comunista Portugués (CDU-PCP) co seu candidato Jerónimo de Sousa, que pode erixirse como un duro rival parlamentario na próxima lexislatura.

Pola súa banda, a candidata conservadora Manuela Ferreira Leite tentará asegurar un posible reponte electoral de última hora centrándose en temas sensibles como a alza da delincuencia e do desemprego. Todo isto sen contar que o PSD manexa claramente con carácter electoralista o asunto das infraestruturas con España e dos investimentos españois en Portugal, cuxo potencial influxo electoral pode ser importante para os conservadores de cara ao 27 de setembro.

En caso de pactar para eventualmente poder formar goberno, o PSD moi probablemente mantería unha coalición co CDS-Partido Popular, aínda que as súas opcións electorais son pouco sólidas.

De Berlín a Lisboa estase definindo un novo escenario político europeo que influirá en aspectos importantes como a aprobación do polémico Tratado de Lisboa, así como na adopción de medidas eficaces para saír completamente da recesión económica. Con isto, Merkel e Sócrates xóganse mutuamente a reelección, abertamente dependentes dos socios políticos minoritarios para formar futuros gobernos que estarán caracterizados pola polarización.