Conseguindo algo menos do 40% dos sufraxios, Daniel Ortega ao seus 61 anos regresa a Presidencia tras 16 anos de ardua travesía polo deserto da oposición.
¿Como puido chegar ao poder coa mesma porcentaxe que noutras eleccións presidenciais nas que perdera e cunha profunda excisión nas entrañas que desangrou as bases tradicionais do sandinismo?
O camiño non foi fácil. Superar obstáculos como a marcha de seis dos nove comandantes da dirección nacional, entre os que estaban os míticos Ernesto Cardenal, Sergio Ramírez ou o seu propio irmán Humberto, semellaba infranqueable. Dirixentes históricos que acusaban a Daniel Ortega e a un reducido grupo de dirixentes de transformar o movemento do "Sandinismo" nunha secta que profesaba no "Danielismo", e traizoar os principios ideolóxicos que deran lugar a revolución que acabou coa ditadura de Anastasio Somoza.
Deste cisma sairía o Movemento Renovador Sandinista (MRS), liderado por Herty Lewites quen morreu inesperadamente hai uns meses, sendo candidato presidencial, cunha importante porcentaxe de voto nas enquisas. Durante 35 anos militara no FSLN ata que a súa expulsión do partido por esixires eleccións internas. Durante os catro anos de2000-2004, fixo unha xestión dende a alcaldía de Managua que foi valorada como excelente polos seus cidadáns.
Ser acusados de enriquecerse durante as privatizacións das propiedades públicas, xusto antes de saír do poder, tanto dende as filas dos disidentes sandinistas como dende os altofalantes dos medios de comunicación afines aos opositores en sintonía cos intereses estadounidenses… supuxo unha lousa difícil de sacudirse, a pesares de non existir sentenza xudicial, nacional ou internacional que condenase a sandinista algún.
Tampouco danou irreparablemente a súa popularidade o proceso xudicial, que finalmente foi sobresido por prescrición de delito, no que Ortega foi acusado pola súa fillastra de cometer abusos sexuais e violala, cando era menor de idade.
As acusacións por xenocidio e crimes á humanidade cometidas contra da poboacións indíxenas dos miskitos, durante os anos 1981 e 1982 presentadas polo presidente da Comisión Permanente de Dereitos Humanos (CPDH), a catro meses dos comicios, resultaron inocuas.
Quizais, por tanta dificultade e contatrempo os simpatizantes sandinistas, ao coñecer os resultados, saíron a rúa berrando: ! Si, púidose! ¡Si, púidose!
Dezaseis anos na oposición, cunha perseveranza inquebrantable, dan tempo para ensaiar moitas estratexias, para metamorfosearse ate o punto de ser irrecoñecible para moitos dos históricos que profesaron da doutrina da revolución que bebía de Marx e Sandino.
Dezaseis anos na oposición dan tempo para reconciliarse coas xerarquías da igrexa, para comulgar a cotío ou para santificar o seu matrimonio con Murillo, a súa muller da que ten oito fillos. Hai uns meses decidiu bendicila eclesiasticamente para acabar coa unión pecaminosa que perdurou durante décadas.
Tres lustros dan marxe para situarse máis preto de John Lennon que de Marx ou Sandinno.Para substituír o paragrafo do himno que rezaba "Loitamos contra do ianqui enemigo da humanidade", polo de "Dalle unha oportunidade á paz". Para decolorar a bandeira vermella do revolucionario, por outra máis etérea de cor rosa.
Tres derrotas electorais deixan un pouso de experiencia que permite apostar por levar de vicepresidente na mesma candidatura presidencial, a adiñeirado banqueiro, o líder contrarevolucionario e empresario liberal: Jaime Morales Carazo, ao que en xullo de 1979, se lle expropiara a súa casona situada no Barrio do Carme de Managua, para convertela na sede central do FSLN.
Pero en realidade, a súa xogada mestra para retornar ao poder foi outra máis arriscada, heterodoxa e maquiavélica que asinou en 1999 co presidente dereitista Arnoldo Alemán. O denominado "Pacto da impunidade" foi unha equivalencia do "Pacto de Puntofijo Venezolano". A cambio de permitir a gobernalidade do gobernos neoliberais, encamiñaron o país cara un bipartidismo, repartindo as cotas de poder nas principais institucións do estado entre os respectivos partidos: FSLN (Fronte Sandinista de Liberación Nacional e o PLC (Partido Liberal Constitucionalista).
En base a este pacto se modificou a constitución e a lei electoral na se rebaixou a cota de votos para acceder a presidencia de Nicaragua. Daniel Ortega se defendía das críticas que o acusaban de pactar co neoliberalismo: "Hai que negociar hoxe porque isto garante que mañá o FSLN obteña a vitoria".
En base a este pacto non se obstaculizou a sinatura dun TLC entre Centroamérica e os EEUU ou en Base a este pacto se permitiu a liberdade inicial do Presidente corrupto Arnoldo Alemán no 2003.
En base a este pacto, quebraría a dereita que quixo desligarse da nefasta imaxe de corrupción que deixou o goberno do PLC, e fundou unha nova organización: a ALN (Alianza Liberal Nacionalista), que presentaba como candidato ao millonario Eduardo Montealegre. Tan fracturada estaba a dereita que nin sequera se puido conseguir dende a embaixada un acordo entre as dúas forzas política da dereita liberais que sumadas tivesen derrotado por cuarta vez a Daniel Ortega.
As tortuosas estratexias do FSLN para retornar ao poder teñen agora un tempo de graza para demostrar que poden seguir sendo útiles a Nicaragua, que poden realizar tarefas históricas de reparto da riqueza e democratización dos poderes. Tarefas irreversibles como as que fixeron dende o goberno na década dos 80, na que diminuíron a porcentaxe de analfabetismo dende o 58% ao 12%, ou como unha reforma agraria que beneficiou a máis de 200.000 familias, nun país de cinco millóns e medio de habitantes.
O tempo e os resultados dun metamorfoseado goberno sandinista volverá a por en cuestión o vello dilema: ¿Os fins xustifican os medios?