Hai novos comportamentos electorais que se están a reproducir en cada campaña electoral latinoamericana. Novos tópicos que se repiten ata formar parte do acerbo continental.
Cada campaña electoral, estase a converter nunha carreira de descualificacións que xa non emprega argumentos políticos nin económicos, senón que esgrime ataques de índole persoal.
Nas anteriores eleccións presidenciais peruanas Alejandro Toledo, foi protagonista de programas de televisión nos que unha rapaza afirmaba ser a súa filla. O candidato que triunfou na primeira volta das eleccións 2006, Ollanta Humala, foi sometido ao acoso mediático no que se vertían todo tipo de noticias que ennoitecían o seu pasado.
Lula, foi o branco obsesivamente preferido da cadea televisiva O Globo na campaña de denuncias contra dirixentes do PT involucrados no financiamento ilegal do partido, ou na procura da estabilidade parlamentaria que as urnas non lle deron, a cambio de gratificacións económicas a parlamentarios sensibles aos argumentos monetarios. Lula tamén se viu sorprendido por unha campaña na que foi presentado como un alcohólico apático, que non se implicaba no goberno do país.
Durante o paro petroleiro de finais do 2002, a oposición venezolana puxo en marcha unha xigantesca campaña de acoso e derribo mediático. Durante as 24 horas do día as cadeas televisivas non emitían máis anuncios que os que identificaban a Chávez con Musolini ou con Hitler, en spots nos que comparaba o físico dun estilizado chávez na época previa a presidencial, co dun Chávez instalado no Palacio de Miraflores, que gañara quilos.
Agora é o candidato presidencial de México pola coalición Alianza por el Bien de Todos, Andrés Manuel López Obrador, AMLO, quen lidera todas as sondaxes, a diana preferida dos anuncios que constantemente publicitan as emisoras de radio, ou as cadeas de televisión, nos que se vincula a AMLO con Hugo Chávez, nos que se asegura que deixou perigosamente endebedado o Goberno do Distrito Federal, nos que un simbólico muro de ladrillos, que representa ao país, cae a cachos tras dun hipotético e probable triunfo do candidato do centro-esquerda que milita nas filas do PRD (Partido da Revolución Democrática). Ou un ambicioso López Obrador que soña con morar no Palacio dos Pinos, mais xa na presidencia sería un auténtico perigo para México.
Nesta guerra sucia electoral contra AMLO, se incorporaron as novas tecnoloxías coma os blogs, msn, e-mails… con mensaxes negativas e descualificadoras do ex-alcalde capitaliño. No seu contraataque López Obrador asegura que todo son calumnias que non poden probar, pero que a base de repetilas, pretenden, como nas teorías nazis, converter en verdades. "…quérennos esmagar con diñeiro que negociaron nunha reunión Salinas, o banqueiro Roberto Fernández e televisa, propiedade de Emilio Azcárraga, para acender o ventilador dunha guerra sucia na que se pretende sementar a imaxe dun López Obrador autoritario. Nesa reunión tamén estaba presente o candidato do PAN Roberto Calderón".
En opinión da Fiscalía Especializada na Atención de Delitos Electorais mexicana (Fepade), a guerra sucia electoral inhibe a participación cidadá, fai perder á sociedade o seu dereito a coñecer os proxectos de cada candidato.
Por tanto, a campaña sucia, non é un arma desesperada do PAN, senón unha estratexia perfectamente deseñada para inhibir, desmotivar ou desalentar no voto dese 35% de indecisos que poden decantar as eleccións presidenciais. Para o cientista político Federíco Estévez, este tipo de mensaxes comunican mellor co segmento do electorado menos organizado, pouco atento ás mensaxes políticas e cun nivel de información bastante precario. Isto é…, a maioría do electorado mexicano.
López obrador, lembrando aquel " ladran… logo cabalgamos" do Quixote, diríxese aos seus seguidores cunha frase de ánimo: " Vannos seguir atacando… iso significa que vamos ben".