Pecha os ollos cando fala, como para concentrarse e non perder palabra. En media hora de entrevista conduciuse coma un libro aberto. É Michel Rocard, o eurodeputado e ex-ministro, quen, sen parar de fumar, demanda da sociedade francesa maior comprensión para Córcega e unha actitude renovada ante o vello problema territorial galo.
A iniciativa de Lionel Jospin para Córcega está a provocar un importante debate no seo da sociedade francesa. Ofensa á República e cesión perigosa para uns, exercicio de valentía política para outros. As propias sondaxes de opinión revelan un elevado nivel de fragmentación da sociedade francesa, tradicionalmente tolerante e defensora das liberdades. ¿Por qué resulta tan difícil comprender as demandas de autogoberno?, ¿é un tema tabú a “normalización territorial” de Francia?
Trátase dun suxeito tabú para certos franceses, mais non para outros. Explicar este tema é unha longa cuestión que enche toda a historia de Francia. Por todas partes en Europa, excepto en Francia, os Estados modernos naceron dunha comunidade lingüística, pobos que tiñan necesidade dun Estado para as súas operacións co extranxeiro, en principio o comercio, e despois en apoio do comercio a diplomacia e, por último, a dimensión militar co uso da forza para protexer os negocios. E dunha certa maneira en España, que coa súa diversidade, donde existíu un Estado catalán de feito, o esquema é o dunha comunidade lingüística que crea o seu Estado. O mesmo para o caso de Italia, Alemania e Inglaterra.
O caso francés é único, no sentido de que se ollamos un mapa de Vladivostock a Brest, houbo moitos movimentos e moitas guerras ao longo deste espacio que ocupa máis de 20.000 kms e que foi transfigurado moito na historia moderna, mais cara o oeste que cara o leste, e despois foise estabilizando pouco a pouco, aínda que con dificultades. Polonia, por exemplo, é un país cunha historia de guerras e enfrontamentos militares no que as fronteiras oscilaron de oeste a leste moitos kilómetros, e as comunidades lingüísticas se foron desprazando. Tamén podería dicirse o mesmo do caso da comunidade xermánica. Francia, pola contra, é un caso único, no que todas as poboacións ficaron. O resultado é que en Francia falábanse 5 ou 6 línguas diferentes: a língúa d´oil, que se transformou no francés, o patois-bourgignon, o provenzal, o bretón, o euskera, o alsaciano, que é un dialecto alemán e o flamenco, xa que a capital de Flandes era Lille, e por suposto, o corso. Todas esas autonomías culturais e lingüísticas foron reducidas militarmente pola guerra.
Houbo unha fabricación manu millitari?
Si. O que é único no caso do Estado francés é que foi o Estado quen fabricou militarmente unha nación. Durante todo o século XIX, cando se escomenzou co ensino obrigatorio, castigaban na escola aos nenos que “eran culpables” de falar a língua maternal dos seus pais, ou sexa o bretón, o alsaciano, o provenzal, o euskera, ou mesmo o corso. Foi manu militari como impuxo Francia a súa língua, o francés actual que naceu no val do Loira, sendo orixinariamente unha língua da Corte. A diferencia doutros países europeos, de novo unha vez mais, Francia deixou pouca autonomía ás súas autoridades locais, ás comunidades locais e ás provincias; o Rei “rachou” as provincias a través dos seus Intendentes. Para cambiar este estado de cousas, a Revolución desfixose de todo isto, creando os Departamentos que serían xestionados polos prefectos, ou sexa, por funcionarios do Estado central e non “elixidos”. Como todo foi feito á forza, Francia herdou outra característica adicional: Francia é o país de Europa con maior número de policías por número de habitantes, o que implica que hoxe en día ten máis policías que en España baixo Franco. Esto trouxo moitas consecuencias: producíu un sentimento nacional moi forte, producíu a forza da nosa língua sobre o noso territorio -é curioso que no momento da Revolución, soamente o 25 por cento dos habitantes franceses falaban francés-. As regras de uniformización de identidade absoluta de competencias dos poderes locais que foron impostas polo Rei, pola Revolución e pola República, de maneira absolutamente continua, foron aplicadas a Córcega con imposición militar e puido gozar de continuidade polo poder da administración.
Ese proceso histórico pode explicar a obsesión por conservar a fortaleza da identidade estatal francesa, pero ¿non agocharía tamén certa fraxilidade?
A identidade de Francia conformouse de xeito diferente a outros Estados, e isto provoca ás veces que a xente conclúa de maneira moi simple que a identidade francesa é mais fráxil que outras. Eu non considero que a identidade de Francia sexa fráxil, senón que é moi forte, pero foi feita no pasado deste xeito. É o seu lastre. Se se empeza a rememorar que pola vontade do “Reino de Francia” impúxose unha imaxe nacional a todos os territorios que a compoñen, poida que iso produza que a xente teña medo. ¿Por qué ese medo?. Hai un prezo terrible nesta historia. París tomou demasiado protagonismo. Entre Madrid e Barcelona, hai por exemplo unha relación de poboación de un a dous. Entre Berlín e Munich ou Hamburgo é similar ou incluso inferior. Entre Roma e Milán, Londres e Glasgow a situación é similar. Mais, entre a aglomeración parisina e cidades como Marsella ou Lyon a relación é de un a dez. A cidade de París matou o poder emerxente doutras capitais económicas rexionais anunciando o establecemento das fronteiras, como o caso de Lille, ou empregando o o argumento da distancia para impedir o seu crecemento económico. -Por exemplo, é anecdótico que a aglomeración parisina emprega ao 60 por cento dos diplomados franceses-. Esta visión de Francia e do seu Estado marca moito a poboación, e por riba, está o feito que a media dos franceses non saben nada doutros países e que pensan que son “únicos”, o que resulta un pouco curioso. Ademais os franceses pensan no Estado como a única maneira de vivir xuntos.
Nese contexto, ambicionar algún tipo de descentralización semella practicamente utópico…
Dende hai máis de 30 anos unha corrente, da que son un dos fundadores, propuso o debate do problema dunha maior descentralización en Francia. A proposta inicial non foi cultural, senón que foi unha proposta dende un punto de vista económico. As nosas grandes cidades, as nosas rexións, que en realidade non son rexións senón que se chaman Departamentos, foron creadas no marco do movimento de centralización e teñen un poder moi feble. Os Departamentos franceses teñen menos autonomía que calquer Comunidade Autónoma española, Land alemán ou rexión italiana. Creo con firmeza que a uniformidade homoxénea é perxudicial, é unha amputación do dinamismo, do dinamismo do respecto da diversidade local, quero dicir. E é nestas condicións e neste marco no que se produce o “Affaire de la Corse”.
No aspecto político, a división de pareceres afecta tanto á dereita como á “esquerda plural”. Qué consecuencias pode ter a dimisión de Jean-Pierre Chevènement para o gabinete Jospin, habida conta tamén da saída de Martine Aubry e as reticencias de sectores do PCF con presencia no goberno?
Non hai realmente consecuencias graves. Chevènement é un home con certa autoridade na sociedade francesa, mais o seu partido é moi marxinal no eleitorado francés. El sinalou que o recoñemento dunha autonomía particular para Córcega provocaría a ruptura da uniformidade da Administración francesa. Mais eu penso que ainda que iso se produza, Córcega ten o seu dereito e hai que facer algo significativo con ela.
O plan para Córcega contempla varias etapas, a segunda iniciarase a finais do 2003, ¿en qué medida certo consenso político-partidario pode ser necesario e mesmo garantía de que a iniciativa avance ata a súa culminación final?
Espero que para enmendar o que os franceses realizaron no pasado, Córcega non sexa considerada como un Departamento francés como os outros. A política e o ámbito da autonomía para Córcega é unha das chaves, a vez práctica e simbólica, do retorno á confianza mutua gracias a cal Córcega poderá atopar a vía de futuro para o seu propio desenvolvimento. Eu non estou no Governo francés actual, eu non estou no segredo do proceso de negociacións, mais as negociacións deberían delimitar esta autonomía suplementaria, á que, segundo a miña opinión, Córcega ten dereito. E penso ademais que a elección de Jospin de negociar co conxunto dos elixidos da Asemblea Nacional de Córcega é unha boa elección e hai que chegar a algún punto de solución.
Nun artigo recente publicado en Le Monde vostede argumentaba a existencia dunha certa opresión de París sobre a illa ¿en qué medida o subdesenvolvemento constitúe un factor que explica a permanencia deste conflicto?
Considero que o subdesenvolvimento económico foi o principal factor que impediu arranxar este conflicto. Tratámola dende o punto de vista económico case como unha colonia, e digo como unha colonia, non dende o punto de vista diplomático, porque foi mais respectada que o resto das colonias, mais sí dende o punto de vista económico: a dominación francesa rematou por matar a economía corsa. Ademais, Córcega mantívose durante moito tempo como un goberno militar e cando Francia puido acadar a adquisición dos dereitos de soberanía sobre Córcega, foi necesaria unha expedición militar, que era xa a terceira para ir conquistar Córcega, e perdeuse de novo a guerra. Perdéronse moitos homes na conquista militar xa que foron unhas expedicións moi difíciles. E despois produciuse unha competencia demasiado forte sobre a agricultura corsa, sobre os productos corsos. Córcega sufríu o monopolio dos pavillóns da Compañía Xeral Marítima, que era unha compañía pública de transportes en navíos e as tarifas impostas eran de tal magnitude que se imposibilitou á economía corsa exportar os seus frutais, as súas laranxas, a súa charcutería, etc. Así, a economía de Córcega foise desfacendo pouco a pouco.
Ademais polas cuestións dos criterios de movilización, hai que saber que durante a guerra de 1914 a 1918 foron mobilizados moitos homes corsos e Córcega perdeu mais homes que outros departamentos franceses, e en 1919 non había homes xóvenes que puideran facerse cargo das explotacións agrarias e os nenos mais pequenos foron mobilizados para aprender oficios, acabando por ser funcionarios e profesionais. Neste contexto, a agricultura corsa derrumbouse totalmente. E diante desta situación foi como o nacionalismo corso naceu e como devíu violento. E nunca, dende o fin da guerra mundial foi tratado este problema. Jospin empezou, mais é difícil tratar o problema corso porque a economía cambiou e está profundamente afectada e é necesario un replantexamento a través dun imposto sobre as novas actividades económicas. Estou plenamente convencido que o fondo deste problema é económico e tamén en certa parte cultural, e que, como os vascos, os corsos teñen o seu sentimento nacional, unha clara percepción da súa identidade.
É optimista a respecto da fin dos episodios de violencia política? Como interpretar a secuencia de asasinatos das últimas semanas que implica a destacadas figuras do nacionalismo corso?
Hai unha situación comparable ao tema vasco. As forzas nacionalistas oficiais e con poder en Córcega, as forzas organizadas, danse conta de que a violencia é inútil, que deixan de ter o apoio da poboación, agora suman un 20 por cento, e que o resto da poboación está moi vencelleda coa República francesa e que a represión da República á violencia é eficaz. O cambio das forzas nacionalistas corsas que discuten co poder oficial a través dos elixidos na Asemblea corsa é unha proba desta nova situación. Mais hai un certo número de xóvenes que non aceptan esta evolución e continúan a crer na violencia. Teño que sinalar o feito de que algúns deles son irreconvertibles. Cando un pasou moitos anos na clandestinidade, cando non se ten mais oficio que o do fusil e se convive deste xeito coa violencia, é difícil de convertirse en comerciante, funcionario ou asalariado. A consecuencia mais notoria é que os violentos separáronse das forzas nacionalistas oficiais. O que está sucedendo agora é que estamos nun momento de diálogo e gracias a ese diálogo, é tempo de reflexión. Hai que continuar, hai que cortar estas desviacións violentas do nacionalismo. Mais isto pode ir para lonxe xa que os violentos de hoxe non obedecen a ninguén e menos aos nacionalistas oficiais que están tentando de recusar o proceso de violencia.
En todo caso, semella evidente que sen unha equilibrada combinación de defensa da autoridade estatal e diálogo político resulta inviable a superación deste contencioso?
Totalmente. Se non, chegarase a unha situación sen saída. Como no caso de Irlanda, hai que saír pola vía do diálogo, mais primeiro hai que deixar de matar e abandonar a violencia.
Segundo algúns, o plan Jospin ameaza con abrir a caixa de Pandora, ¿que eco pode ter a respecto doutras comunidades de Francia -vascos, alsacianos, bretóns, occitanos, flamencos, cataláns- que ata agora non se valeron da violencia para exteriorizar as súas demandas políticas?
Non, coido que non haberá un proceso xeral. O fondo do caso é distinto. Os outros problemas rexionais franceses non teñen nada en común co caso corso, nada. Os bretóns falan cada vez menos o seu idioma, representando moi pouco nas eleccións. Hai un escaso movimento alsaciano, mais é de tipo cultural. É dicir, hai certos movimentos, que posúen reivindicacións mais de carácter cultural que económica. O País Vasco é un pouco mais particular porque hai 200.000 vascos en Francia, mais non vou entrar nos detalles. O feito de que o problema corso sexa específico polo tema do subdesenvolvimento, da insularidade, da devastación da agricultura corsa e doutros elementos dos que falei anteriormente, fai que se trate dun problema de dinamismo rexional mal solucionado. O tema de Córcega pode provocar unha reflexión xeral sobre a flexibilización da centralización en Francia.
Cando en toda Europa avanza o movemento rexionalista e nacionalista ata o punto de adquirir carta de naturaleza institucional, en que medida esa obsesión por manter a ultranza un sistema político moi centralizado pode levar a Francia a perder dinamismo e oportunidades?
É unha cuestión un pouco enrevesada. Non estou seguro de que os movimentos rexionalistas avancen en Europa de maneira tan forte. Está estabilizado en Alemania, hai poucos alemáns que pensan que é boa idea debilitar o poder central, ainda que sexan partidarios de impulsar a estructura federal. Está o caso belga, que na práctica convertiuse nunha federación. A entrada do euro vai diluír, no caso de Bélxica, o franco belga que é das poucas cousas nacionais que lles queda. En Italia, a situación está relativamente estabilizada, excepto a presión do Cossi, que é rexeitada pola maioría dos italianos. No caso do Reino Unido, cos novos Parlamentos para o país de Gales e para Escocia hai diferencias, no caso escocés o movimento nacionalista está reforzado, non tanto en Gales. As dificultades de organización territorial e de organización constitucional de Francia respecto ás súas rexións son ben distintas… O mantemento brutal dun sistema demasiado centralizado sería un imán de inhibición, sobre todo económicamente.
Quizais sexa a referencia europea a que mellor demostra que non estamos ante o establecemento de ningún privilexio ou o mero recoñecementoinstitucional e político da diversidade senón instalados nun necesario esforzo de modernización e adaptación das estructurais estatais a un contexto moito máis fluído e cambiante?
Certo, o contexto estatal europeo foi cambiando ao longo dos anos e agora tamén estamos nunha nova situación.
Por Iria Gala, Ana Miranda e Xulio Ríos.