Máis de cen líderes de todo o mundo reunense no Cumio do Milenio das Nacións Unidas que comeza o día 6 de setembro en New York para analizar o papel que a ONU debe desempeñar no século XXI. Segundo a propia organización, o cambio de século representa "un momento único e significativo para artellar e reafirmar unha visión esperanzadora para as Nacións Unidas na nova era". O Cumio será a maior reunión de Xefes de Estado da historia, pero ¿para qué?
As principais propostas a debatir nesta excepcional xuntanza recollense no informe titulado "Nós, os Pobos: a función das Nacións Unidas no século XXI" e propón como metas principais: diminuír á metade os 1.200 millóns de persoas (22 por cento da poboación mundial) que viven en situación de extrema pobreza daquí ó 2015; garantir que nese mesmo ano todos os nenos do mundo poidan acceder a educación primaria, eliminando a disparidade entre os xéneros en todos os niveis educativos; reducir a taxa de contaxios de sida en mozos con idades comprendidas entre os 15 e os 24 anos nun 25 por cento para o 2010; elaborar un programa de acción que mellore as vidas de 100 millóns de persoas que habitan en chabolas antes do 2020; intensificar os esforzos para garantir a seguridade das persoas, as comunidades e os países, facendo cumprir de maneira máis enérxica os instrumentos internacionais de dereito humanitario e dereitos humanos; e cancelar todas as débedas oficiais dos países máis necesitados que demostren o seu compromiso coa eliminación da pobreza.
Segundo afirma Kofi Annan no seu informe, a globalización debe ser en beneficio de todos, pero actualmente as súas vantaxes económicas están sumamente concentradas nunha cantidade relativamente pequena de países. Por iso é comprensible certa reacción negativa en continentes como África, donde o crecemento económico é anémico, con investimentos escasos e grandes débedas. A esta dramática situación súmase o feito de que se destine menos do 10 por cento da investigación en materia de saúde a cuestións que afectan ó 90 por cento da poboación mundial.
Sen eludir un ambicioso inventario de cambios nas Nacións Unidas para facer máis eficaz a Organización, o secretario xeral demanda dos xefes de Estado un compromiso máis efectivo no mantemento da paz, a protección do medio ambiente ou a democratización do acceso ás novas tecnoloxías. Bos propósitos todos que unicamente poden abrirse camiño se unha nova ética se instala na actividade política nacional e internacional. E para acadar ise cambio ben podemos precisar todo o milenio.