Ministerio de Sanidade Ibérico con sede en Vigo

A principios deste mes de febreiro Ana Pastor e Luis Filipe Pereira, ministros de Sanidade de España e Portugal, respectivamente, asinaron no Pazo de Castrelos, en Vigo, un convenio que permitirá ofrecer ós cidadáns de ambos países unha atención sanitaria semellante con independencia da beira da fronteira na que se atopen. Coa posta en marcha do acordo, que ambos mandatarios cualificaron de "inmediata", aínda que sen definir moi ben esa data, "facilitarase o movemento dos cidadáns e que teñan acceso a unha mesma carteira de servizos", en verbas de Ana Pastor. O paso dado polos dous países será xeralizado nos próximos anos coa entrada en vigor dunha tarxeta sanitaria que garanta os mesmos servizos a todos os cidadáns da Unión Europea.

Pola súa banda, o ministro luso destacou a importancia do convenio, o máis importante en materia sanitaria asinado entre os estados, indicando que permitirá, entre outras cousas, "o intercambio de información epidemiolóxica e adecuar o uso dos medicamentos nos dous países".

O acordo ofrecerá tamén beneficios puntuais a ambos sistemas sanitarios. No caso español, por exemplo, facilitará o desprazamento a Portugal dos profesionais (doutores e enfermeiros) que aquí non atopan traballo. O importante número de sanitarios galegos que buscan solucións no mercado laboral luso verá cómo se axiliza a validación dos seus títulos.

No caso portugués, o país veciño axudarase do sistema sanitario español para reducir as súas altas listas de espera incrementando o número de pacientes que son atendidos principalmente en hospitais galegos e estremeños. Por estas intervencións, Portugal xa ten pagado a España uns 140 millóns de euros.

O convenio permitirá tamén a integración das redes de investigación de ambos países e incidirá na sanidade ambiental vixiando novas e rápidas enfermidades como a gripe do polo ou a pneumonía atípica (SARS).

O convenio, aínda que pode ser cualificado como o máis importante dos que vinculan a ambos países en materia sanitaria e pioneiro na UE, ten aínda algunhas lagoas. É un convenio marco, polo que aínda ten que ser desenvolvido polos técnicos. O seu comité de seguimento terá por sede a cidade de Vigo, e será aquí onde os especialistas comecen a plasmar en documentos técnicos que permitan ver os avances. Nin Ana Pastor nin Luis Filipe Pereira souberon dar unha data para iso más alá dun "inmediatamente". Ante novas preguntas, o ministro portugués indicou que, por exemplo, as redes de investigación, probablemente o aspecto que o cidadán menos pode sentir no día a día, serán integradas "antes de fin de ano". E estamos en febreiro.

Os ministros tampouco indicaron cómo se empregarán agora as tarxetas sanitarias que, no caso de España, son xestionadas por cada un dos dezasete sistemas de saúde autonómicos. Mostráronse, iso si, partidarios de agardar á entrada en vigor da tarxeta sanitaria europea que, en teoría, nuns meses garantirá a cobertura en toda a UE. Pero este avance efectivo na Europa dos cidadáns é tamén un dos problemas que máis preocupa ós dous países e que os constitúe en particular "lobby" (xunto a Italia ou Grecia, por exemplo) fronte ó resto da Unión. O motivo: o turismo. Pastor e Pereira defenden a creación dun fondo europeo de compensación co que se pagaría o gasto sanitario que xeran os desprazamentos internos na UE, principalmente polo sector turístico, e que fai que os países do sur teñan que asumir cada ano co seu sistema de saúde a chegada de millóns de turistas do norte.

Ese será un debate clave dos próximos consellos de ministros da UE. Pero antes da creación dese particular Fondo Europeo de Cohesión, España e Portugal aínda terán que debater a forma bilateral de reintegrarse os custos creados pola execución do convenio asinado en Vigo. A ministra española xa propuxo un sistema de tarificación semellante ó que se emprega entre os distintos sistemas de saúde das comunidades autónomas. Consistiría en fixar un custo para cada tipo de prestación sanitaria que se recontaría ó finalizar o ano. Do bo termo ó que chegue este debate bilateral ibérico dependerá o progreso dunha nova integración europea, a integración sanitaria.