Miserias: de pobres e de ricos

Os 22 países mais desenvolvidos do mundo destinaron 68,5 mil millóns de dólares en 2003 aos 150 países e territorios en vías de desenvolvemento (a súa renda por habitante é inferior a 10.000 dólares, tres ou catro veces menos que a dos ricos), o que supón un incremento do 17,5% en relación a 2002. Estas son as cifras principais do informe presentado polo CAD (Comité de Axuda ao Desenvolvemento) o pasado 16 de abril. Non obstante, cómpren algúns matices. Segundo o mesmo CAD, que reúne a 22 países donantes, a elevación real foi do 3,9%, unha vez deducido o efecto da baixa do dólar. Por outra banda, cómpre sinalar a distorsión producida nestas cifras ao impoñer EEUU a integración da "axuda" a Iraq e Afganistán. Con esas contías, a axuda de Washington pasou de 13,3 mil millóns a 15,8 mil millóns de dólares, por diante de Xapón (8,9 mil millóns) e de Francia (7,3 mil millóns).

En termos de esforzo, que o CAD calcula en porcentaxe de renda anual bruta de cada país, EEUU ocupa as últimas posicións, cun 0,14%, lonxe do 0,2% de Xapón, o 0,41% de Francia, por non falar dos países escandinavos que hai tempo alcanzaron ou sobrepasaron o 0,7% fixado pola ONU (España está no 0,25%).

O Informe do CAD coincide con outro informe do Banco Mundial, o World Development Indicators 2004, no que, entre outras cousas, se sinala que na África subsahariana, o número de pobres (que viven con menos dun dólar diario) pasou de 164 millóns de persoas en 1981 a 314 millóns de persoas en 2001. É dicir, o 46,5% da poboación, fronte ao 41,6% de 1981. É a única parte do mundo na que a situación non para de agravarse. Se non se actúa de forma activa contra este flaxelo, o 50% dos pobres do planeta vivirán nesta rexión en 2005, fronte ao 10% de 1981 e o 30% actual.

Outro informe, esta vez da Comisión Mundial sobre a dimensión social da mundialización, un organismo que actúa no marco da OIT (Organización Internacional do Traballo), cuestiona a idea segundo a cal a mundialización é un factor de crecemento. "Os países industrializados, dotados dunha base económica sólida, ricos en capitais, competitivos e con supremacía tecnolóxica, son os mellor situados para tirar proveito das vantaxes substanciais da mundialización". Pero a desigualdade no desenvolvemento é palpable entre as nacións do Sur. A maior parte dos países menos avanzados, sinala o Informe, situados case todos en Africa subsahariana, están excluidos dos beneficios da mundialización. Á pobreza, analfabetismo, enfrontamentos civís, e outras desventaxas, se suma o proteccionismo agricola dos paises industrializados que reducen o acceso aos seus mercados aos productos do Sur mentres subvencionan aos propios agricultores.

Oxfam denunciaba hai escasas semanas a política zucareira da UE. Esta ONG británica acusa a Europa de favorecer a sobreproducción mantendo o precio do azucre a un nivel tres veces superior ao do mercado mundial. A política de axudas de Bruxelas, denuncia, beneficia unicamente ao cartel de negociantes que se dedican ao refinado (Beghin Say, Sudzucker, Tate and Lyle, etc). Os seis grupos principais recibiron en 2003, 819 millóns de euros. Estas subvencións, que dopan a producción, inflúen fortemente á baixa sobre o curso mundial do producto, afectando a milleiros de pequenos productores nos países en vías de desenvolvemento.