As augas políticas en Venezuela volven axitarse. O Consello Nacional electoral está a verificar a legalidade das sinaturas recollidas polo oficialismo e pola oposición para revocar o mandato de ducias de parlamentarios e do propio Presidente. Os partidarios do goberno afirman que a oposición fracasou no intento de conseguir as sinaturas necesarias para activar o referendo revocatorio, entregando máis dun millón delas fraudulentas. A Coordinadora, pola contra, acusa ao Presidente de tratar de impedir a consulta popular. Volven as grandes manifestacións de signo contrario ás rúas. Volven os grandes titulares apocalípticos.
Mentres Hugo Chávez, favorecido polas boas previsións económicas, e o repunte nas enquisas, aperta o acelerador do seu programa social, emprazando ao país a implicarse na Misión Cristo, co obxectivo da acabar coa pobreza no ano 2021.
A Revolución bonita, así denominada polo oficialismo, invoca a Cristo no ano en que Venezuela afronta o decisivo 2004. Está no aleiro a celebración dun referendo revocatorio presidencial que truncará ou consolidará no poder a Hugo Chávez ata o 2006.
No Palacio de Miraflores, residencia presidencial, non deixan de recibir datos positivos que encoraxan a un goberno que se abaneou por polo intento de golpe e por unha folga de dous meses, para quen no 2003 pintaban bastos. Agora na baralla aparecen os ouros o Ministro Venezolano de Finanzas, Tobias Nóbregas, prevé un alza da economía entre 5 e o 6 por cento no 2004. O FMI eleva esta previsión ata o 7%, e Barclays Capital Research, considera que, gracias a unha producción petroleira máis sólida e maiores investimentos, Venezuela debería medrar nun 9%.
O índice risco baixa, o paro reduciuse nun 4% no último semestre e a alta inflación comeza a retroceder. No que reflicten as enquisas, tamén teñen motivos para a satisfacción, a popularidade do presidente medra nos últimos meses, algúns medios opositores asumen ata un 46%, e ningunha enquisa cifra o núcleo dos convencidos do oficialismo por debaixo do 25%.
Un dos xornais de maior tirada no país, e máis militantemente activo contra do Goberno, facía pública o 19 de xaneiro unha enquisa de Datananálisis, na que o director desta empresa demoscópica advertía da posibilidade de que a oposición non gañase o referendo revogatorio.
Nun contexto no que os partidos teñen unha feble adhesión popular, o MVR posúe o 16%, o principal partido da oposición no chega ao 10%; cada vez, nunha sociedade venezolana farta de tanta crispación e tanta confrontación, engorda o sector dos coñecidos como "ni-ni", nin contigo, nin sen ti. Nin con Chávez, nin coa oposición. Nin contra Chávez, nin contra a oposición.
Segundo Datanálisis, os non aliñados politicamente xa chegan ao 38,7% dos electores. Motivar a esta ampla franxa será o principal obxectivo de goberno e oposición, no caso dun eventual referendo revogatorio.
Hai escasos días, o día 23 de xaneiro, se conmemoraba o aniversario da caída do dictador Pérez Jiménez, oficialismo e oposición mediron as forzas na rúa convocando marchas paralelas. Os chavistas eran maioría, e a oposición, a pesares do seu debilitamento e división, demostrou que aínda está viva, que é capaz de activar ao sector máis militante, aínda que xa non posúe a capacidade mobilizadora do ano 2002.
O atípico, Presidente. que nun só dos seus dominicais programas televisivos, ¡Aló Presidente!, é quen de chamarlle analfabeta a Condolezza Rice, de acusar de soberbios aos chilenos por non conceder saída ao mar a Bolivia, de dar clase de doutrina cristiá ás xerarquías católicas, de ameazar con chumbo a oposición se tenta un novo golpe de estado, de advertir con nacionalizar as empresas se participan nun novo colapso económico, de ascender xenerais, de nomear ministros⦠segue a conservar a confianza dun grande sector daqueles que estaban excluídos da política e do reparto de riqueza nos últimos 40 años.
Á espera do que dirima o Consello Nacional Electoral, o goberno activa sucesivos programas sociais para a construcción de vivendas nas zonas desfavorecidas, para reducir o analfabetismo, para aumentar o número de bachareis e universitarios, para dar cobertura sanitaria ou para reducir o desemprego.
Cada obxectivo leva o nome dunha Misión Misión Róbinson I, Misión Róbinson II, Misión Rivas, Misión Sucre, Misión Vuelven Caras. Todas elas confluirán nunha soa Misión: a Misión Cristo, que pretende declarar libre de pobreza ao país no 2021. ¡Viva a Revolución en Cristo!