Prepárase Colombia para o post-uribismo? A escasos días das eleccións presidenciais pautadas para o próximo domingo 30 de maio, a empresa Ipsos revela un empate técnico entre o candidato “uribista” e ex ministro de Defensa Juan Manuel Santos (34%), e o alcalde de Bogotá Antanas Mockus (32%), abandeirado do progresista Partido Verde.
Esta enquisa tamén certifica que a máis que probable segunda volta entre Santos e Mockus, prevista para o 20 de xuño, colocaría a Mockus na presidencia cun 45% dos votos, cinco puntos por riba do seu rival electoral. De ser este o caso, Colombia pecharía momentaneamente unha etapa política (2002-2010) marcada pola figura do presidente Álvaro Uribe Vélez e a súa polémica política da “seguridade democrática”.
A polarización existente entre Santos e Mockus explica porqué estes comicios serán os máis disputados e incertos dos últimos anos en Colombia. En gran medida, esta sensación se debe ao recente e imparable ascenso de Mockus nas preferencias electorais, observado como a alternativa política máis visible capaz de reverter á hexemónica presenza do “uribismo” na política colombiana.
Neste sentido, a imposibilidade xudicial de Uribe para afrontar un terceiro mandato deu paso a un baile de candidaturas que perfilaron esta frenética polarización. Sen ben a ausencia electoral de Uribe fortaleceu as opcións electorais do seu “delfín” Santos, a irrupción da conservadora Noemí Sanín abriu serias fendas dentro da dereita colombiana, que poden nivelarse a favor de Santos en caso dunha segunda volta.
Por contra, a candidatura de Mockus vese fortalecida polo apoio electoral do alcalde de Medellín, Sergio Fajardo, un dos políticos colombianos máis populares. Ambos lideran unha heteroxénea plataforma progresista e ecoloxista que a opinión pública identifica como a “revolución verde”. Esta fórmula logra aglutinar gran parte do electorado centrista e de esquerda, “asfixiado” pola preponderancia do “uribismo” e restando así posibilidades á candidatura de Gustavo Petro, do esquerdista Polo Democrático.
No caso dunha segunda volta, resultaría máis que probable que os votos do Polo Democrático irían a favor de Mockus, un proceso similar ao que hipoteticamente ocorrería con Sanín e os liberais de Vargas Lleras a favor de Santos. Se o bando uribista se apresta a iniciar unha incerta etapa de renovación baixo Santos, resta igualmente observar cal será a consistencia da plataforma “verde” e dos equilibrios políticos entre Mockus e Fajardo en caso de resultar vencedores.
Independentemente do vencedor, o contexto político colombiano presentará un panorama máis atomizado, polarizado e complexo de cara ao 2014. Con Santos tentando asegurar o continuísmo, a alternativa Mockus-Fajardo definiría un cambio radical na tradicionalmente conservadora política colombiana, con preponderancia en temas anteriormente ocultos no debate político como a ecoloxía, os dereitos homosexuais ou o aborto.
Paralelamente, estas eleccións repercutirán no contexto rexional. Tradicional bastión da dereita e do eixe proestadounidense, Colombia podería observar un cambio de péndulo político máis orientado cara a centroesquerda, aínda que sen implicarse na versión “socialista e bolivariana” experimentada nas veciñas Venezuela, Ecuador ou Bolivia.
Neste sentido, a forte implicación do presidente venezolano Hugo Chávez dentro da campaña electoral colombiana intensificou toda serie de temores. O áspero cruce de declaracións entre Chávez e Santos certifica a tensión existente entre Caracas e Bogotá, con especial atención cara as bases estadounidenses en territorio colombiano e o incremento mutuo no gasto militar. A diferenza, unha vitoria de Mockus abriría unha xanela nas relacións con Caracas e Quito, sen exactamente definir unha maior condescendencia cara o eixe da ALBA.
Por acción u omisión, Chávez converteuse na inevitable “estrela” da campaña electoral colombiana, emulando así o acontecido en Perú durante os comicios de 2006, a través da candidatura do nacionalista Ollanta Humala. Compre igualmente salientar que de forma inédita, a guerrilla das FARC pasaron practicamente inadvertidas no debate electoral, evidenciando así a súa perda de peso político.