Moda retro: A Realpolitik dos falcóns de Bush

Se é que algunha vez estivo demodé, o paradigma do Realismo Político implementado por Kissinger con ocasión do capítulo histórico que dividira o mundo no eixo de coordenadas leste-oeste, está regresando con furia desmedida ao panorama das relacións internacionais. Esta vez, vencellada á orde imperial norteamericana e ao rexurdir do duro conservadorismo da Administración republicana despois dos atentados contra o World Trade Center.

A bipolaridade que equilibraba a lóxica da contención, o "tira e afrouxa" da disuasión, está sendo substituída por un novo modelo: un sistema unipolar con USA á fronte coma centro de poder de ciclópea robustez capaz de bloquear ás demais grandes potencias na súa tentativa de contravir os designios do goberno de George W. Bush. Todo de balde. A agresión ao Iraq, decidida sen consentimento da Organización das Nacións Unidas e coa maioría dos aliados "tradicionais" en contra, supuxo a certificación da orientación unilateral que tomaran en asuntos exteriores os falcóns da Casa Branca: Wolfowitz, Rumsfeld, Cheney, Bristol e Kagan, quixotes da nova orde. Todo e aras de contornear sobre o mapamundi a xeografía da invencibilidade norteamericana, asegurando o status quo da súa supremacía. Neste contexto, os intereses da Casa Branca son excluíntes respecto dos de calquera outro Estado; a paz, un lapso de recuperación entre guerras e a cooperación multilateral, sexa con Nacións Unidas ou coa OTAN, unha dobrez coa que eventualmente USA evita que lle medren os ananos. A racionalidade estatocentrista do goberno de Bush responde só á maximización do seu poder e á seguridade nacional, onde a ameaza do terrorismo internacional foi habilmente convertida polos falcóns nunha constante que atenaza á sociedade norteamericana. En caso contrario, non se explica por qué centos de millares de cidadáns daquel país invadiron os supermercados na procura de alimentos e máscaras antigás ao día seguinte do acontecido en Nova York. E menos aínda se explica coma nun supermercado poden ser vendidas as máscaras antigás.

Os focos quentes do conflicto durante a Guerra Fría foran desprazados para Corea, Vietnam, Afganistán, Cuba, patios traseiros das zonas de influencia de cada bloque. Hoxe, as nefastas consecuencias da agresiva unilateralidade norteamericana son localizadas por todas partes, sen discriminación. En Madrid e en Casablanca atentouse contra o mesmo branco. Máis foi antes, na Casa Branca norteamericana onde se calculou o papel que mellor se axustaba a España na particular guerra á que Aznar se deixou arrastrar. Decidiron que España habería de irromper forzadamente no xogo da política internacional, xogo dominado por un único estratega e no que só Washington move peza, para ocupar unha casiña, a do foco quente, a da fronte de guerra. A táctica dos falcóns puxo a España en xaque. Madrid non iría descarregar bombas sobre Marrocos "por se acaso" coma USA fixera despois do 11-S en Afganistán e no Iraq. Máis con todo, o acontecido o 11 de marzo, só ven reforzar a estratexia belicista do novo imperio norteamericano, que, procurando inverosímiles relacións de causalidade, está capacitado para inventarse a existencia de armas de destrucción masiva onde mellor lle conveña, ignorando, iso si, as que están á vista coma é o caso de Norcorea. Nesta tesitura, Bush e os seus ultraconservadores tanques pensantes seguen alimentando ao monstro do fundamentalismo, en Afganistán, en Palestina, no Iraq, creando ao seu servizo un inimigo grande e poderoso que algún día, nas páxinas da historia, chegará ate lexitimar a violencia dos Estados Unidos. Por moi trillado que poida soar, xa se sabe que cando se comeza unha guerra a primeira víctima é a verdade. A moda retro da Realpolitik norteamericana está abrindo unha liña de batalla que máis que nunca, xustificará o seu mandato imperial, malogrando de paso o papel que a Unión Europea viña asumindo coma inesperado contrincante á súa altura.