Modelos para Chile

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
Michelle Bachelet, clic para aumentar
A socialista (Michelle Bachelet, foto superior) e o conservador moderado (Sebastián Piñera, foto inferior), a agnóstica e o católico de misa dominical, a divorciada e o firme defensor do matrimonio de por vida, a médica de vocación e o magnate dos negocios, a admiradora de Zapatero e o devoto de José María Aznar… encaran a segunda volta das presidenciais do 15 de xaneiro.
Sebastián Piñera, clic para aumentar
 

Cando o Palacio da Moeda era bombardeado polos golpistas aquel 11 de setembro de 1973, a candidata socialista Michelle Bachelet correu dende a universidade ata a terraza do Hospital José Joaquín Aguirre para asistir abraiada á caída da democracia. A entrada en vigor do toque de queda impediulle chegar a casa e coñecer que o seu pai, o xeneral de aviación, Alberto Bachelet, tiña renunciado ás Forzas Armadas Chilenas.

Ese mesmo 11-S, Sebastián Piñera, asistía ao seu primeiro día de clases na Universidade de Harvard. Quen lle deu a noticia do golpe de estado fora o Profesor Kenneth Arrow, premio Nóbel de Economía. ¿Vostede é chileno verdade? Pois houbo un golpe de estado no seu país. Piñera era partidario daquela de que as forzas armadas interviñeran para corrixir a deriva, que ao seu parecer, tiña collido o país. Mais no plebiscito de1988 sobre a continuidade do pinochetismo, defendeu o non, converténdose posteriormente nun defensor da política económica liberal da ditadura, pero moi crítico coas violacións do réxime militar.

A socialista e o conservador moderado, a agnóstica e o católico de misa dominical, a divorciada e o firme defensor do matrimonio de por vida, a médica de vocación e o magnate dos negocios, a admiradora de Zapatero e o devoto de José María Aznar… encaran a segunda volta das presidenciais do 15 de xaneiro centrando a súa maquinaria electoral nun reducido número de temas como:

  • Unha economía próspera, que camiña sen parénteses a un ritmo que envexan no continente, con altos índices de crecemento…, pero que presenta unha esaxerada inequidade, evidenciada nunha profunda brecha entre ricos e pobres, cunha histórica distribución desigual do ingreso.
  • Un baixo nivel de paro situado no 8%, pero concentrado nos mozos de menos de 25 anos entre os que está desempregado o 21%.

O magnate Miguel Juan Sebastián Piñera Echenique, que posúe o 29% de Lan Chile, é dono do canle Chilevisión, accións en empresas de saúde, electricidade, comercio e sector inmobiliario, para acometer estes desafíos abre o saco das promesas electorais: Xubilación ás mulleres que traballan no fogar, aumentar un 20% as pensións mínimas e asistenciais, baixar nun 1,% o superávit das finanzas públicas, derrotar a pobreza cun programa de 1.000 millóns de dólares, aumentando os investimentos públicos do 22 ao 28%, a creación dun millón de empregos…mais contradictoriamente, ao mesmo tempo, se compromete a reducir o tamaño do estado e a minguar o papel regulador da actividade privada que desempeña o estado.

Namentres, a sucesora de Ricardo Lagos, que inicialmente tratara de obviar na campaña a figura do seu predecesor, tratará de rentuar o capital político que deixa un presidente co 71% de aceptación. Bachelet, insiste cansinamente, en argumentar que a desigualdade ten a orixe no sistema económico ultraliberal que deixou en herdanza o réxime pinochetista.

As tímidas promesas da representante do sector máis radical do Partido Socialista, semellan caracterizadas polo rigor de quen é sabedora de que ten moitas posibilidades de instalarse no Palacio da Moeda, e non pode ofrecer imposibles: porá en marcha subsidios aos empregos para mozos e mulleres; reformará o sistema privado de pensións que só pode garantir pensión mínima para o 45% dos traballadores; flexibilizará pero manterá o superávit estrutural; conxelará os impostos; avanzará na integración rexional cos países veciños…

Resulta paradoxal que durante a primeira volta das eleccións do 11 de decembro, fosen os candidatos da dereita os que fixesen máis promesas redistributivas da renda, e acusasen ao goberno da concertación de "insensibilidade social".

Bachelet representa a un socialismo chileno que ten unha base social de seu, pero que debe contar coa Democracia Cristina, que conforma a Concertación, para poder triunfar nas eleccións. Un socialismo que pode gañarlle á dereita nunha sociedade culturalmente moito máis conservadora e machista que a de moitos países latinoamericanos.

Ten a grande sorte de que a ortodoxia económica que practica non lle provoca as fracturas que provocan ese tipo de políticas en partidos como o PT brasileiro ou o Frente Amplo uruguaio, quizais porque saben que os sectores económicos adictos ao pinochetismo, aínda son fortes e teñen estrutura política, económica e mediática moi robusta.

O 11-D a suma dos candidatos da dereita Lavín da UDI (Unión Democrática Independiente) e Piñera da RN (Renovación Nacional), superaron, por primeira vez dende a caída da ditadura, aos votos da concertación nas Presidenciais, aínda que non a suma da Concertación e a coalición esquerdista Juntos Podemos Mas de Tomas Hirsch (5,81%), nin no Congreso e o Senado, no que a concertación terá maioría.

No duelo de cincuentóns da Ballotage do 15 de xaneiro, o modelo de redistribución da riqueza está en xogo.

Para a sociedade chilena, ese día, pode cambiar moito máis que o feito de ter unha muller presidente, por primeira vez na historia do país.