Moito circo, pouco pan

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

Todo vale para que a xente se quede cunha imaxeo máis circense posible (bandeiriñas, actrices porno, as malfadadas vuvuzuelas)dos mundiais de África do Sur.
Tres actrices porno –unha holandesa, outra inglesa e unha terceira americana- ofreceron felacións gratis e por centos de miles aos seguidores dos seus equipos. Disque foi unha das noticias máis comentadas.

Con toda a impudicia do mundo, unha tal Carbonero, moza do porteiro dunha das seleccións, foi sinalada polo “Times” londiniense como culpable dunha mala xogada que supuxo un gol, por distraimento, do tal porteiro. Outra noticia das máis comentadas. O circo, sen dúbida, é un éxito.

Nunca os do “barato”, “barato” puideron soñar co negocio que lles saíu cunha venda de bandeiriñas, supoño que “made in China”, ou por alá, para completar a imaxe circense procurada. Lograron o que nin soñaron nunca: facer dunha bandeira a bandeira dunha selección de fútbol.

Tanto que nun diario madrileño alguén fai este pregunta ben inxenua: ¿E que imos facer agora con tantas bandeiriñas? Nin se lle ocorreu a resposta máis evidente: gardalas ata o próximo “episodio nacional”.

¿E non se lles ocorrerá aos cataláns, tan prácticos eles,  negarse a xogar na selección mentres non se lle resolva o problema do Estatut?  Ningunha manifestación, por masiva que fose, tería tanta eficacia. Sería ese un bo “episodio nacional”…

Pero de pan, nada. Só para aqueles que van percibir unhas primas impúdicas nun país de máis de catro millóns de parados. E todos moi felices, incluídos estes últimos.