Arrecia o debate político e social en Montenegro a propósito da independencia. "Un Estado común de Serbia e Montenegro non pode basearse nun principio de igualdade sabendo que os montenegrinos non representan máis que un cinco por cento da poboación total", afirma o académico Miodrag Perovic. Pero o argumento demográfico non é o único. Diferentes autores, diferentes visións, discuten vivamente en Podgorica sobre o futuro do seu país, mentres Belgrado acrecenta o seu protagonismo internacional para facer ver a propios e estraños que agora, sen Milosevic, todo pode ser distinto cos seus veciños.
Unicamente por libre vontade da maioría dos cidadáns poden abrirse vieiros para a vertebración dunha nova alianza iugoslava. Sen embargo, os montenegrinos inclinanse por desoír os cantos de serea de Belgrado e as mensaxes de Washington e Bruxelas e colocan sobre a mesa as diferentes razóns que fundamentan a súa aspiración:
- Non é posible unha política única interior e exterior de Serbia e de Montenegro. Como país pequeno, Montenegro unicamente aspira a desenvolver boas relacións cos seus veciños; Serbia, pola contra, ten que asumir o comportamento dunha potencia rexional.
- En Montenegro, a tolerancia nacional e a mestizaxe multicultural gozan de ampla tradición e consistencia. A maioría dos montenegrinos está por construír un Montenegro que pertenza tanto aos habitantes do Rozaje (Norte, de predominio musulmán) como de Cetinje (Sur), mentres que os serbios están en conflicto permanente coas súas minorías.
- Montenegro, co seu acceso ao mar e o turismo, debe contar cunha estructura e unha orientación económica diferente da Serbia.
- A independencia de Montenegro non dana os intereses estratéxicos de Estados Unidos ou da Unión Europea. A inestabilidade rexional pode producirse se a libre vontade dos seus cidadáns é coaccionada.
Con estes argumentos, numerosas voces reclaman a soberanía para Montenegro e o seu ingreso na ONU como un Estado de pleno dereito. Non parece, sen embargo, que a "comunidade internacional" vaia acoller de bo grado esta reivindicación, en primeiro lugar, porque a secesión de Montenegro fará máis difícil aínda a supervivencia de Kosovo nun marco estatal máis amplo.
En Podgorica proponse un exército común, con comandancias separadas; unha moeda compartida que non sexa o dinar; e unha política exterior converxente nos temas en que haxa confluencia. Esta proposta foi cursada a Kostunica, quen rapidamente se apresurou a recuperar o asento en Nacións Unidas e nas demais instancias internacionais, mentres o Presidente Djukanovic pedía a todas elas que demorasen o retorno de Iugoslavia en tanto non se clarifique o futuro da Federación. Ninguén parece moi disposto a facerlle caso.
De non contestar adecuadamente, algunhas fontes anuncian xa un referendo de independencia en Montenegro para despois das eleccións serbias do 23 de decembro. Pero a decisión non será doada. Como evidenciaron o primeiro ministro, Filip Vujanovic, e o presidente do Parlamento, Svetozar Marovic, que visitaron a Kostunica por conta propia para tratar do futuro da Federación, cun punto de vista distinto ó de Djukanovic, presidente do país, é prognosticable unha importante fractura no seo da coalición gobernante.