Montenegro: Djukanovic cae de pé

A Milo Djukanovic, presidente de Montenegro, non lle podían saír mellor os comicios lexislativos celebrados o domingo último. Anticipados ante a ruptura da coalición gobernamental por parte dos socialdemócratas, pero sobre todo polos liberais, como consecuencia do acordo asinado en Gorica no pasado mes de marzo coa mediación de Javier Solana para evitar a celebración dunha consulta popular sobre a independencia, obtén agora, dunha asentada, unha rotunda victoria que o solidifica internamente e o reforza de cara ao exterior. ¿Perdeu Solana? Non se sabe canto, pero algo si.

A coalición proindependentista, formada polo Partido Democrático Socialista e o Partido Socialdemócrata, obtivo 39 escanos dun total de 75. A maioría absoluta permite á coalición "Lista Democrática para un Montenegro europeo" formar un novo goberno sen necesidade de formar alianzas. O bloque pro iugoslavo, dirixido por Pedrag Bulatovic, obtivo 30 escanos. A Alianza Liberal, catro, e o grupo étnico albanés, dous. A Alianza Liberal, de signo independentista pero aliada contra natura cos partidarios do mantemento indefinido da Federación iugoslava, é un dos grandes derrotados, ao deixar de exercer a condición de visagra na vida política montenegrina.

O discurso electoral de Djukanovic tivo dous enunciados: primeiro, Montenegro debe participar nunha federación libre con Serbia, en función do acordo asinado coa mediación de Bruxelas; segundo, cómpre non renunciar ó dereito a declarar a independencia no prazo de tres anos. O acordo de marzo regulamenta as relacións futuras entre as dúas repúblicas iugoslavas. Serbia e Montenegro decidiron manter unha unión libre, compartir un unico asento en Nacións Unidas e executar unha defensa e política exterior comúns, ao tempo que administrarían a maior parte dos seus asuntos internos por separado, entre eles a política económica "cunha moeda propia, o euro-. A aplicación dese acordo estancouse cando os socios do Presidente Djukanovic lle retiraron o apoio por entender que renunciaba ao referendo e á independencia. O Acordo de Serbia e Montenegro foi ratificado polo Parlamento de Montenegro co apoio da oposición proiugoslava.

Agora, a coalición independentista obtivo tres escanos máis que nos comicios lexislativos celebrados en abril do ano pasado. Probablemente nesa circunstancia influiu tamén o fracaso dos comicios presidenciais en Serbia, unha rémora coa que Montenegro non desexa cargar. Fronte á intriga e o conflicto interminable, Podgorica pretende ofrecer a imaxe dunha vida política progresivamente normalizada. A insuficiente participación en Belgrado contrasta aquí cun 77,2 por cento do electorado que emitiu o seu dereito de sufraxio.

¿Haberá referendo finalmente? Segundo Djukanovic, o referendo debe ser a culminación do proceso de restauración do Estado montenegrino, completando o proceso en dous tempos. Nos dous anos e medio que restan restablecerá todos os símbolos e actuacións dun Estado que dende 1918 nunca estivo tan preto de selo plenamente. A consulta popular será a fórmula final, pero o compromiso executarase dende este momento, de xeito irreversible, sen riscos externos nin aventuras internas de difícil prognóstico.

Os resultados electorais servirán para afortalar a posición negociadora dos partidos pro independentistas de Podgorica na elaboración da Carta Constitucional do Estado de Serbia e Montenegro. O empeño da UE en evitar unha nova independencia balcánica deberá incorporar máis contrapartidas. Djukanovic, con enerxías renovadas e ampliadas, xa anunciou na noite electoral: "as nosas próximas victorias serán económicas". ¿Poderá Solana pagar a factura que lle vai pasar Djukanovic?