Montenegro: Europa contra o referendo

Máis calmado Tony Blair na súa febre diplomática a prol da multicoalición estadounidense contra o terrorismo internacional e aínda sen renunciar un ápice a un espacio gañado pero que formalmente non lle corresponde, Javier Solana, o auténtico responsable comunitario da PESC, desautorizado no fundamental por aquela vía de facto, trata de recuperar terreo movendo peza nalgún dos múltiples escenarios de conflicto que pululan polo planeta, aínda que cun éxito escaso e mesmo contradictorio.

Recentemente pasou por Montenegro, país balcánico que atravesa momentos decisivos, para entrevistarse, entre outros, co presidente Milo Djukanovic. Como é sabido, en Podgorica son partidarios da independencia e de organizar un referendo (¡son demócratas!) para que a cidadanía opine libremente sobre o mantemento ou non da Federación iugoslava. Pero Solana deixou na capital montenegrina unha mensaxe clara: Europa prefere un Montenegro democrático nunha Iugoslavia democrática sen consulta democrática… e convidou ós líderes do país a negociar de inmediato con Belgrado. Dase o paradoxo de que a posición de Europa e de Solana ven a coincidir agora coa de figuras locais como Predrag Bulatovic que en 1999 cando se producían os bombardeos da OTAN acusaba a Solana de criminal de guerra. Os rivais de onte son os aliados de hoxe e viceversa: con Milosevic o proxecto de Djukanovic sería máis viable ca sen él.

Milo Djukanovic conseguira o que parecía máis dificil: que todo o mundo asumise a inevitabilidade do referendo. Convenceu a Kostunica, obrigou á propia OSCE a dictar recomendacións concretas para a legalidade da consulta, neutralizou a oposición existente en Washington e mesmo parecía que gañara algúns adeptos, mesmo obrigou a que diplomáticos occidentais contrarios á secesión a admitisen como inevitable. Tan delicado escenario obrigou á coalición de Bulatovic, "Xuntos por Iugoslavia", a abandonar a súa estratexia de boicot entrando a negociar as condicións concretas da consulta.

Pero Solana, sen convencer, aínda que cunha insistencia fóra do común e que noutros dominios sería tan necesaria (Israel!, por favor), quere impor un novo curso político que sabe a gloria a un Bulatovic, moi fortalecido polas declaracións da Europa democrática contra o referendo que abren un novo periodo de incertidume moi serio a respecto da viabilidade da consulta que de realizarse podería explicitar un mínimo de dignidade final ó proceso de liquidación da Federación.