20060428cetinje partidarios independencia montenegro2

Montenegro, independente en Europa?

Apartados xeográficos ARQUIVO Balcáns
Idiomas Galego
 Partidarios independencia Montenegro, clic para aumentar
Ao amparo do artigo 60 do mencionado acordo que establece o dereito de ambas repúblicas a promover un referendo de independencia, Montenegro, contestando á pregunta "Quere que a República de Montenegro se converta nun Estado independente con pleno recoñecemento xurídico e internacional?" vai decidir o 21 de maio se opta pola independencia, nas condicións marcadas pola UE que esixen porcentaxes de "sis" superiores ao 55% dos votos emitidos, para recoñecer a validez. (Foto: 28/04/2006. Partidarios da independencia na cidade de Cetinje, capital histórica de Montenegro).
 

Segundo conta a lenda, cando de Deus rematou de construír o mundo, decidiu amontoar as pedras sobrantes no Monte Negro. O país dos montenegrinos coñecido historicamente co nome de Zeta, resistiu calquera intento de penetración exterior. Cando os otománs conquistan as terras baixas, o principado de zeta faise forte nas terras altas, pasando a denominarse Crna Gora (Montaña Negra).

Serbios e montenegrinos camiñaron pola historia mesturados sen conflitos. Pasado común evidente no feito de que os cidadáns de orixe montenegrina que moran na cidade de Belgrado, superan en número aos que residen no interior da república. Comparten a mesma lingua, o mesmo alfabeto (cirílico), profesan a mesma relixión (ortodoxa). Mais… por que independizarse?

Ata 1998 Montenegro era aliado fiel de MiloÅ¡evic, máis no mes de maio Milo Djukanovic, que comandaba a coalición "Da živimo bolje" (Para vivir mellor), conseguiu gañar as eleccións presidenciais por unha mínima diferenza sobre Momir Bulatovic partidario dunha estreita relación con Serbia.

Daquela comezou unha cadea de agravios e tensións dentro da Federación, nas que os dereitos constitucionais de Montenegro foron ignorados. Coincidiu no tempo cunha vertixinosa mutación na percepción internacional de MiloÅ¡evic aos ollos de Occidente. Aquel "home da paz de Dayton", mutou para dar no "Carniceiro dos Balcáns". Pola contra, Milo Djukanovic, foi visto como a alternativa democrática.

Para desestabilizar a MiloÅ¡evic, afortaláronse as relacións Occidente-Montenegro, que endexamais foi branco dos bombardeos "humanitarios" da OTAN, para pasar a ser receptor prioritario da xenerosa man aberta da diplomacia económica de Occidente, que no entanto, pechaba os ollos para non ver como os dirixentes montenegrinos se mergullaban no contrabando de tabaco ou droga, provenientes da mafia italiana asentada en Puglia.

MiloÅ¡evic, estrangulou a espiral do conflito cando sen consulta previa a Montenegro, decidiu subtraer todo o seu peso político á pequena Montenegro. Modificou en xullo de 2000 a Constitución federal de Iugoslavia, que prevía representación paritaria, de tal xeito que a nova Cámara baixa do Parlamento estaría configurada por un número de deputados proporcional á poboación das dúas repúblicas. Ao tempo a elección do presidente pasou a determinarse por sufraxio directo e no por designación parlamentaria. O lazo que aforcou definitivamente o futuro da Nova Iugoslavia foi a convocatoria unilateral de eleccións presidenciais, e lexislativas anticipadas.

Djukanovic, antigo discípulo de MiloÅ¡evic, comezou, daquela, unha estratexia acelerada cara á independencia de Montenegro, que atopou o freo inesperado da UE que impuxo-propuxo o plan de "libre unión" acordado o14 de marzo de 2002, que culminaría o 4 de febreiro de 2003, co proceso da desaparición da antiga Iugoslavia e a creación do novo Estado que levaría o nome de: Serbia e Montenegro.

Ao amparo do artigo 60 do mencionado acordo que establece o dereito de ambas repúblicas a promover un referendo de independencia, Montenegro, contestando á pregunta "Quere que a República de Montenegro se converta nun Estado independente con pleno recoñecemento xurídico e internacional?" vai decidir o 21 de maio se opta pola independencia, nas condicións marcadas pola UE que esixen porcentaxes de "sis" superiores ao 55% dos votos emitidos, para recoñecer a validez. Infelizmente, a UE esqueceu fixar as porcentaxes de participación mínima, deixando abertas a interpretacións.

Mentres para o Goberno de Montenegro unha participación do 41% dos que teñen dereito a voto sería suficiente, para o Goberno serbio unha participación inferior ao 51% sería motivo para non recoñecer os seus resultados.

As enquisas dan vantaxe aos electores favorables a independencia, pero non conseguen pronunciarse sobre se serían suficientes. Un 43% de los electores decididos votaría "sí", e un 31% "non". Porén, poderían darse resultados maioritarios á independencia que non fosen recoñecidos por Serbia ou pola patrocinadora UE. ¿Daquela, cal sería a nova folla de ruta da UE?