Falando dos Balcáns, nestos días destaca un pequeno país, Montenegro, cunha población de apenas 660.000 habitantes, que leva varios anos intentando acadar a súa plena independencia. As esperanzas dos que desexan dar o espaldarazo final no seu afán pola emancipación por vez primeira despois de perder a independencia en 1918, foron borradas, ou cando menos aprazadas, polo Acordo de Belgrado, asinado o 14 de marzo deste ano. Este acordo establece unha unión entre Serbia e Montenegro, substituíndo á antiga Federación Iugoslava e outorgando ás dúas repúblicas unha serie de institucións comúns. Como consecuencia en gran medida da firma do acordo, se orixinou unha profunda crise que sigue sacudindo a sociedade montenegrina. Pero falando dos intereses dominantes, ¿quen son os dirixentes, que propostas suxiren na escena política montenegrina?
Por unha banda, cómpre mencionar o presidente montenegrino, Milo Djukanovic. É a cabeza do gobernante "Partido Democrático de Socialistas" (DPS), formación independentista que se deixou presionar para firmar o Acordo de Belgrado, un pacto que conleva vantaxes e inconvintes. Entre as vantaxes se atopa o recoñecemento exterior forzado pola aceptación dos principios dictados pola comunidade internacional durante as negociacións sobre o futuro das dúas repúblicas balcánicas. Se recoñece a igualdade entre Montenegro e Serbia, e pode ser defendida perante calquer foro internacional. A maiores, Montenegro se posicionou claramente para recibir máis axuda da Unión Europea a fin de reforzar a súa capacidade institucional, a súa infraestructura e as súas reformas económicas.
Asi mesmo, Djukanovic preservou a autonomía que Montenegro acadou durante os últimos anos e se gañou o recoñecemento da Unión Europea do dereito de Montenegro para decidir libremente a longo prazo sobre a súa independencia. Aprazar a decisión ten tamén algunha vantaxe para Djukanovic, a sabendas da maioría insegura do bloque independentista, e o resultado impredecible dun posible referendo. Pero o aprazamento da consulta non é o que ambiciona o bloque independentista, e para Djukanovic iso significou a perda do apoio de moitos dos seus representantes. Despois de comprometerse tan enérxicamente a favor da celebración dun referendo nun futuro o máis próximo posible, a cesión baixo presión europea supón un debilitamento da credibilidadede Djukanovic.
Para os representantes do bloque independentista montenegrino, a firma do acordo supuso unha decepción enorme. Tanto o partido pro-independentista máis radical, o Partido Liberal (LSCG) coma os pro-occidentais Socialdemócratas viron no acordo unha traición a esa maioría que, nas eleccións de abril de 2001, votara por partidos pro-independentistas. Por iso, o LSCG retirou o seu apoio ao goberno e formou unha alianza tácita coa coalición pro serbia "Xuntos por Iugoslavia". O resultado foi a demisión do primeiro ministro Vujanovic o pasado 19 de abril, e aínda que contaban co apoio de Bruxelas, as negociacións para a formación dun novo goberno dentro do bloque independentista fracasaron. O sentimento de controversia entre o LSCG e o DPS dende a firma do Acordo de Belgrado fai difícil imaxinar unha alianza efectiva entre as dúas partes, agora opostas.
Os partidos pro-iugoslavos de Montenegro deron a benvida ao Acordo de Belgrado, interpretado como unha derrota de Djukanovic e os independentistas, da que esperaban beneficiarse políticamente. A coalición opositora "Xuntos por Iugoslavia" se viu axiña reforzada pola retirada do apoio do LSCG ao goberno, formando unha alianza que agora ostenta a maioría parlamentaria.
En canto á Comunidade Internacional, como actor principal destaca a Unión Europea, representada polo alto representante da política exterior, Javier Solana. Os intereses europeos sempre se mantiveron claramente a favor do mantemento da federación iugoslava, rexeitando unha independencia montenegrina, para deter así a tendencia á fragmentación en novos Estados no mapa dos Balcáns. Para lograr este obxectivo, se presionou aos líderes montenegrinos " con métodos como a amenaza co peche de portas á futura integración en Europa " para firmar o Acordo.
A parte da Unión Europea, no que atinxe á ComunidadeInternacional, non hai ningún actor de maior relevancia, xa que os Estados Unidos actuaron dun modo intranscendente neste asunto. Nun comunicado de prensa do goberno estadounidense, aínda a sabendas de que algúns sectores da sociedade civil internacional se inclinan pola independencia montenegrina como a alternativa máis beneficiosa para solucionar os problemas políticos, a administración estadounidense non se opón ao Acordo levado a cabo baixo os auspicios da Unión Europea, dado que a estabilidade dos Balcáns supón un asunto da maior importancia para Washington.
Na actualidade, o Acordo de Belgrado está sendo negociado por Comisións Constitucionais das dúas repúblicas balcánicas, para interpretar os asuntos claves do acordo e preparar a elaboración da nova constitución. En Montenegro, esta Comisión está composta por representantes de todos os partidos parlamentarios, o que supón negociacións moi difíciles, habida conta do distanciamento existente entre algunhas posicións. O bloque independentista quere alcanzar unha interpretación o máis superficial posible, mantendo as propias institucións, o sistema económico e monetario, mentras que os representantes pro-iugoslavos procuran unha auténtica federación con Serbia. A dificultade nas negociacións abarca non soamente ao acordo entre o borrador montenegrino e o serbio, senón tamén á necesidade de por de acordo todas as posturas encontradas dentro do escenario montenegrino. Agora toca comprobar a aplicabilidade do "virtuoso golpe diplomático", impulsado pola Unión Europea.