Montenegro: varre Djukanovic

A coalición proindependentista liderada polo presidente de Montenegro, Milo Djukanovic, obtivo 39 escanos no Parlamento, dun total de 75, nas eleccións lexislativas anticipadas celebradas o domingo. A victoria absoluta permite á coalición "Lista Democrática para un Montenegro europeo" formar un novo goberno sen necesidade de formar alianzas.

O bloque pro yugoslavo, dirixido por Pedrag Bulatovic, obtivo 30 escanos. A Alianza Liberal, catro e o grupo étnico albanés, dous. Tanto o Partido Democrático Socialista coma o Partido Socialdemócrata obtiveron unha dobre victoria, pois a Alianza Liberal, de signo independentista pero aliada cos partidarios do mantemento indefinido da Federación yugoslava, deixou de contar con relevancia no país.

O discurso electoral de Djukanovic tivo dous enunciados: primeiro, Montenegro debe participar nunha federación libre con Serbia, en función do acordo asinado con mediación de Bruxelas; segundo, cómpre reservarse o dereito a declarar a independencia no prazo de tres anos. En marzo deste ano, o goberno montenegrino asinou un acordo con Serbia que regulamenta as relacións futuras entre as dúas repúblicas yugoslavas. En virtude dese acordo, Serbia e Montenegro decidiron manter unha unión libre, compartir un unico asento en Nacións Unidas e executar unha defensa e política exterior comúns, ao tempo que administrarían a maior parte dos seus asuntos internos por separado. A aplicación dese acordo estancouse cando a oposición ao Presidente Djukanovic provocou unha crise gobernamental que anticipou as eleccións.

Ademais, a coalición independentista obtivo tres escanos máis que nos comicios lexislativos celebrados en abril do ano pasado. Probablemente nesa circunstancia influiu o fracaso dos comicios presidenciais en Serbia, unha rémora coa que Montenegro non desexa cargar. A insuficiente participación en Belgrado contrasta aquí cun 77,2 por cento do electorado que emitiu o seu dereito de sufraxio.

Os resultados electorais servirán para afortalar a posición negociadora dos partidos proindependentistas de Podgorica na elaboración da Carta Constitucional do Estado de Serbia e Montenegro. O empeño da UE en evitar unha nova independencia balcánica deberá incorporar máis contrapartidas. Djukanovic xa anunciou na noite electoral: "as nosas próximas victorias serán económicas".