O Cumio de Monterrey rematou o pasado venres deixando un sabor de boca agridoce. Doce, porque os pasos adiante non son malos: Estados Unidos, a pesares de entrar pola porta traseira, en silencio (excepción feita do affair Castro) e apostando pola indefinición, finalmente aumentará a súa aportación anual dos 10.000 millóns de dólares actuáis ata os 15.000 anuais de aquí a tres anos (outro tema son as condicións, aínda por concretar para administrar ese incremento).
Ó mesmo tempo, Monterrey parece ter servido para espertar do seu letargo e conformismo á Unión Europea. Apremados pola proximidade do cumio, e sen apenas tempo para reflexionar, os Quince decidían, a escasos días do inicio do mesmo, incrementar as súas aportacións de Axuda ó Desenvolvemento dende o 0,33 por cento actual ó 0,39 por cento nos próximos catro anos.
Sen embargo, os representantes dos 170 países presentes na conferencia voltan de México sen apenas ter mencionado o tema da axuda "ligada", a parte amarga do caramelo que se tiveron que tragar os países en desenvolvemento. Segundo a definición do Comité de Axuda ó Desenvolvemento (CAD) da OCDE, este tipo de achegamentos consiste en "toda axuda condicionada á adquisición de bens e servicios subministrados polo país doante da axuda". Isto é, que España axuda a El Salvador cunha cantidade de diñeiro para a reconstrucción de infraestructuras a cambio de que a ponte "por dicir algo- sexa deseñada, construída e/ou subministrada por empresas constructoras españolas. Pois ben, é precisamente España o Estado doante que máis axuda deste tipo ofrece de entre todo-los membros do CAD: arredor do 70 por cento. (Únicamente outros dous países, Estados Unidos e Canadá, condicionan deste xeito máis do 50 por cento da súa axuda).
Dos 73 puntos que contén o texto do Consenso de Monterrey, apenas nun apartado do punto 43 menciónase este tipo de axuda para remitirse á súa vez á recomendación realizada dende o CAD de reducir progresivamente este tipo de partidas:. Monterrey propón textualmente "apoiar e respaldar […] a posta en práctica da recomendación do CAD […] sobre a liberalización da axuda ós países menos adiantados" avogando de seguido por "un maior uso das doacións". Tal recomendación fíxose explícita fai pouco máis dun ano no caso de España. O Goberno, sen embargo, reaccionou co Plan Anual de Cooperación Internacional 2001 no que afirmaba expresamente "España manterá a súa posición actual no CAD respecto á non desvinculación desta axuda".
En calquera caso, semella que no referinte a recomendacións relacionadas coa Axuda ó Desenvolvemento os gobernos tardan en reaccionar: vendo que a proposta do 0,7 por cento foi recomendada pola ONU aló por 1970, quizais as mesmas Nacións Unidas deberan plantexarse unha prórroga ós obxectivos que a Declaración do Milenio fixaba para o 2015 de reducir á metade a porcentaxe da poboación que viva na extrema pobreza. O ano 2050 parece máis realista á vista dos antecedentes. E quizáis non …