Monterrey en Galicia

Un dos retos máis importantes da sociedade contemporánea é a consecución dunha redistribución xusta e equitativa da riqueza a nivel global. As Nacións Unidas, conscientes da gravedade do problema que supón o incremento das diferencias entre países ricos e pobres que se viñeron agrandando na última década, convocou por primeira vez unha Conferencia Internacional sobre a Financiación para o Desenvolvemento. O seu obxectivo era buscar fórmulas xustas para financiar os programas de desenvolvemento, que van dende a mobilización de recursos financeiros dos países desenvolvidos ata a potenciación da cooperación técnica e financeira. Coa participación de 54 xefes de Estado e de Goberno, de máis de 300 ministros, e dos principais organismos financeiros internacionais, esta Conferencia marcou un fito na Cooperación para o Desenvolvemento aínda que está por comprobar o cambio de sentido dese cicatero compromiso dos países donantes. O propio FMI e o Banco Mundial calcularon que sería necesario duplicar as cifras actuais da axuda oficial para reducir á metade a pobreza de aquí a 2015. O problema é que descendeu durante os últimos anos, en vez de aumentar para acadar o obxectivo do 0,7% do PIB ao que os Estados donantes se comprometeron no seu día.

¿E que pasa en Galicia? De dereita a esquerda, estamos máis preto das pegas do mundo desenvolvido e dos organismos internacionais que das esixencias dos países empobrecidos. Non custa nada denunciar o 0,10% do PIB USA para axuda ó desenvolvemento ou demandar a cancelación da débeda externa, pero sí moitas veces comprometer, por exemplo, xa non digamos o famoso 0,7%, unha pequena parte do orzamento dun Concello para destinala a cooperación. Salvo contadísimas excepcións, case sempre ligadas a factores máis subxectivos que estructurais, discurso e praxe non camiñan na mesma dirección e así a realidade da cooperación internacional en Galicia é escasamente estimulante, tanto dende o punto de vista cuantitativo (ocupa as posicións máis baixas do Estado en canto a recursos aplicados) como cualitativo (pola escasa sensibilidade dos principais actores básicos). Teoricamente, existe a conciencia pero menos a coherencia.

Precisabamos un Cumio de Monterrey en Galicia para superar a testimonialidade dese compromiso que repercuta de verdade na calidade da cooperación que poidamos impulsar desde aquí. Socialmente se comprende cada vez mellor a importancia e a necesidade da cooperación, os partidos políticos van asumindo mellor esta dimensión como reflicten os diferentes programas electorais, abandonando esa concepción da cooperación como unha prolongación internacional da acción social. É unha cuestión de xustiza e non de caridade.

Tamén da banda das ONGs con implantación en Galicia se precisa un esforzo que está a impulsar a súa Coordenadora. Localismo, excesiva fragmentación e escasa implicación no propio país (dende o uso a penas do galego, a incapacidade para xerar dinámicas propias que atendan ós nosos intereses estratéxicos, ata a actuación como meros recaudadores) son constantes que debilitan a influencia dun movemento non gobernamental que de non reorientarse, probablemente se estancará ou recuará nos próximos anos. Cómpre sumar os esforzos dispersos e implicalos no país. Non é facilmente crible tanto empeño coa cooperación con terceiros cando sistematicamente somos incapaces de cooperar aquí, entre nós mesmos.

Se o chamado consenso de Monterrey promove un delicado equilibrio que pon o acento na importancia de políticas internas adecuadas, non soamente económicas, para saír da pobreza pero, á vez, sinala a necesidade da axuda externa para logralo, en Galicia precisariamos un consenso similar entre os principais actores políticos e sociais, entre todos aqueles que aspiran a construír unha sociedade internacional mínimamente decente, para encarar debidamente un cambio de tendencia, tan urxente como necesario.