O 14 de maio tiveron lugar os primeiros comicios municipais que se celebran no país, sen coincidencias con outros procesos electorais distorsionadores. Os tres grandes partidos: Brancos, Colorados ou Frentistas sorrín. Todos teñen motivos para proclamar o seu particular trunfo. O Partido Nacional acadou 13 intendencias, dúas máis das que tiña. O Partido Colorado retivo 5, aínda que perdeu dúas, venceu aos puntos na de Canelóns, ameazada pola esquerda. Na Coalición da esquerda, quédanse coa escuálida intendencia capitaliña, mais a magnitude da palleira infrinxida aos competidores e ao consolidarse como primeira forza electoral, soñan coa presidencia do país para o 2004.
O escrutinio oficial aínda precisa dalgúns días de lenta engrenaxe na pesada burocracia electoral, pero as sortes non teñen voltas.
Entre todos os resultados previsibles destaca o colleitado por Mariano Arana, o veterano mandatario de Montevideo que retivo a alcaldía nas mans do Encontro Progresista-Fronte Ampla. A inmensa illa da intendencia de Montevideo afianza e acrecenta a parcela de poder da esquerda, que pretende utilizar como trampolín para impulsarse cara a presidencia.
A alegría non foi total, non foron quen de arrebatar a intendencia de Canelones ao candidato do Partido Colorado Tabaré Hackenbruch. Esta era considerada como a alcaldía clave para evidenciar o avance do cambio político. O candidato presidencial da esquerda Tabaré Vázquez tiña manifestado que se a Fronte Ampla gañaba en Canelones, a victoria da esquerda no 2004, sería irreversible. As últimas estimacións outórganlle o 41,7% ao Encontro, nesta vital circuscripción, situándose a menos de tres puntos da victoria.
Dende que nas eleccións de 1989 a capital fora arrebatada aos colorados, converteuse no símbolo da xestión do cambio progresista, que ven de revalidar un terceiro mandato. Dende a ínsula conquistada teñen o reto de lanzar a súa oferta cara o interior do país, dominado polos tentáculos dos grandes caciques da terra, onde o democracia é unha abstracción intelectual que ten dificultades prosaicas para materializarse, onde a liberdade está tutelada dende os fíos do poder, e onde os medios de comunicación pervirten a realidade, adulterándoa.
Pero se existe un país na América Latina, onde a sociedade está madura para aceptar o vaivén do péndulo histórico é Uruguai. O 84% da poboación declárase partidaria da democracia, o maior índice de adhesión rexistrado ao sur do Río Bravo. A Fronte Ampla pode ser un sapo de difícil dixestión para os camaleónicos grupos de presión, que baixo diversas cores e vestimentas teñen monopolizado o poder no Uruguai no tunel do tempo, pero a consolidada democracia uruguaia non admite as trucaxes doutros países como as do veciño Paraguai, as de Ecuado ou as de Perú.
Como toda coalición, na que coinciden diferentes constelacións ideolóxicas, existen tensións politicas larvadas e disputas polo poder, mais como todo proxecto emerxente goza dun aparente estado de gracia.
Iberoamérica precisa que a nova esquerda poña a proba a sinceridade democrática do continente e Uruguai pode ser o lugar adecuado para sentar o precedente. O Latinómetro 1999-2000, que recolle as opinións de 18.125 persoas de 17 países, detecta o progresivo desencanto da poboación coa democracia, a corrupción, os medios de comunicación, as privatizacións…
A validez da nova esquerda vaise medir pola súa eficacia na xestión nun mundo monopolizado polo pensamento único do que tamén está parcialmente impregnada, logo de caer os ineficaces referentes sovietizantes.
Montevideo será o expoñente das novas alianzas da esquerda, onde se pode exhibir a súa eficiente xestión.
Poucas veces unha esquerda iberoamericana puido presumir disto.