Mortos en tempo de paz

As tres mortes violentas rexistradas esta semana en Irlanda do Norte confirmaron tanto a capacidade dos grupos disidentes do IRA para poder seguir actuando como, paradoxalmente, a súa total marxinalidade política. Lamentablemente esta última pouco conta á hora de convencelos de que os ataques e os atentados contra membros das forzas de seguridade dificilmente lograrán a retirada absoluta dos británicos, argumento principal para xustificar os asasinatos.

Apartados xeográficos Nacionalismos
Idiomas Galego

As tres mortes violentas rexistradas esta semana en Irlanda do Norte confirmaron tanto a capacidade dos grupos disidentes do IRA para poder seguir actuando como, paradoxalmente, a súa total marxinalidade política. Lamentablemente esta última pouco conta á hora de convencelos de que os ataques e os atentados contra membros das forzas de seguridade dificilmente lograrán a retirada absoluta dos británicos, argumento principal para xustificar os asasinatos. Máis do 90 por cento da poboación apoia o proceso de paz. Sen fendas, o IRA e os lealistas protestantes condenan estas accións e respectan o acordo político que preceptúa compartiren o poder. O salto cualitativo desta semana abre incógnitas respecto ao escenario futuro, pero son conscientes diso. Ata agora, estes grupúsculos limitábanse a axustes de contas e guerras intestinas, pero o cambio de obxectivo pode deparar mudanzas nas regras de xogo e suxerir medidas politicamente incómodas como ese anunciado regreso de máis forzas de seguridade británicas. O espectro do atentado de Omagh (1988) obriga a multiplicar as cautelas.

Os asasinatos constitúen un revés para o proceso de paz pero, sobre todo, para as autoridades de Irlanda do Norte, que viñan reivindicando a asunción dun maior papel nas misións policiais no seu espazo xeográfico, unha cesión sempre delicada para Londres. Este fracaso pode cuestionar ese empeño, abrindo camiño a unha nova avaliación das medidas de seguridade e a un probable debilitamento das súas capacidades neste eido, vitais, por outra banda, para asentar e dotar de contidos sólidos o proceso de paz e combater eficazmente nos dous planos (policial e político) os grupos violentos.

Todos saben que esta disidencia, minguada pero decidida, leva a unha canella sen saída. Non obstante, pode aínda facer moito dano. A sabendas diso, os intentos, que os houbo recentemente, de abrir unha negociación que permitira aproximar posicións políticas non deberían abandonarse de todo, se ben semella que a estratexia imperante nas barricadas exclúe de forma deliberada a política, considerada totalmente incompatible coas actividades propiamente militares. Pura ira, pois.