Mozambique: supervisores por doquier

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

Este país africano está a ser noticia non polas minas que se agochan no seu solo, herdanza dunha violenta Guerra Civil que aínda está a ter secuelas, nen tampouco pola instalación dunha terminal oceánica de petróleo que a British Petrolium abriu no Porto da Beira, senón pola avalancha de supervisores que están a chegar ao país por mor das eleccións municipais que terán lugar este mes de novembro.

A Unión Europea enviará a Maputo unha misión de observadores coa fin de garantir uns comicios libres e xustos. A misión estará encargada de supervisar a administración das eleccións, a campaña electoral, o comportamento da prensa, as votacións, o reconto dos votos e a proclamación dos resultados. A institución tentará así que se faga cumprir a legalidade nos 33 municipios mozambicanos nos que contará con presencia europea. En total o continxente comprenderá máis de 50 observadores. Ademais deste soporte humano, a UE comprometeuse a axudar cunha dotación económica de 4,4 millóns de euros, nestas eleccións, e de 12 millóns para as lexislativas e presidenciais do vindeiro ano.

Pero ademais dos europeos tamén aterraron os estadounidenses na República. Neste caso será o Centro Certer o encargado de supervisar o proceso. Para levar a cabo a súa misión o centro, con base en Atlanta, abriu hai pouco unha oficina na capital do país africano, para ofrecer aos votantes a oportunidade de expresar as súas preferencias con respecto á construcción da democracia e o impulso do desenvolvemento. Neste sentido o responsábel do centro, David Pottie, dixo que Mozambique tiña nesta cita a oportunidade de demostrar que quere unha democratización pacífica e duradeira.

Estas eleccións serán unha loita entre o partido no poder, Frelimo, e o movemento da exguerrilla, Renamo, que firmaran un acordo de Paz hai algo máis de 10 anos. Ámbolos dous contan cun grande número de seguidores que atraeran cara sí durante a Guerra Civil. Pero tamén hai intereses estranxeiros que se enfrontan neste terreo. Tanto norteamericanos como europeos están acusados por certos grupos de mozambicanos. O partido no poder acusa aos primeiros de comportamento partidista cara á oposición e esta, á súa vez, acusa aos segundos de ter influído na victoria do actual partido no poder coa súa intervención nas anteriores eleccións.

Sexa dun xeito ou doutro, nesta “República” de máis de 17 millóns de habitantes, pobre pero con recursos (empresas alimenticias, de bebidas, téxtiles, de productos químicos, petróleo..) e da que países coma África do Sur, España, EEUU, Reino Unido, Portugal, Francia e Xapón son socios de negocios, os resultados son importantes. Deles pode depender dalgún xeito o control ou supervisión (extra electoral) que poidan exercer nun futuro.