Mudará a política xaponesa trala dimisión de Hatoyama?

Parafraseando ao seu avó e ex primeiro ministro Ichiro Hatoyama, o ata agora xefe de goberno xaponés Yukio Hatoyama sempre repetía “Yu-Ai” (irmandade) cada vez que se refería aos asuntos da política doméstica e internacional. Non obstante, e a pesar da súa amabilidade, a súa recente dimisión como primeiro ministro causou unha elevada confusión política que, segundo palabras do tamén ex primeiro ministro Junichiro Koizumi, verificou que Hatoyama “estragouse a si mesmo polas súas palabras”.

O asunto máis grave que determinou o fracaso da xestión de Hatoyama foi o problema da base militar de Futenma1, localizada en Okinawa. No seu Manifesto electoral 2009, o actualmente gobernante Partido Democrático do Xapón (PDX) propuxo a revisión da presenza militar estadounidense, gañando así os comicios xerais dese mesmo ano. Non obstante, ao carecer de maioría absoluta no Parlamento, o PDX veuse na obriga de formar un gabinete de coalición co Partido Socialdemócrata de Xapón (PSX) e o Novo Partido do Pobo (NPP).

Ao igual que Hatoyama, o PSX consideraba que esta base debía trasladarse fóra de Okinawa, pero o primeiro ministro prometeu unha resposta para o pasado mes de maio, unha vez considerara esta posición con EEUU. Non obstante, Hatoyama fracasou co seu Yu-Ai ao tentar ser afable coa poboación de Okinawa, cos seus socios no gabinete de coalición, cos EEUU e co pobo xaponés, debido a que todos eles apostaban as súas esperanzas de resolución deste asunto coa conclusión prevista por Hatoyama para maio pasado.

Unha vez Hatoyama decidira mudar a base á poboación de Henoko, presentáronse fortes protestas cidadás en Okinawa e por parte de Washington. Paralelamente, o PSX decidiu abandonar a coalición de goberno, complicando así a estabilidade do gabinete de Hatoyama.

Hatoyama tentou afianzar a súa política de Yu-Ai no plano das relacións internacionais, avogando pola consolidación da Comunidade do Leste Asiático (CLA) e por unha diplomacia plenamente “asiática”. Non obstante, moderou o seu discurso a fin de non acrecentar a desconfianza de EEUU, revalidando a condición “indispensable” da importancia da alianza con EEUU para a concreción da CLA.

Pero esta política de Yu-Ai provocou unha perda de credibilidade da diplomacia xaponesa. Para colmo de males, a dimisión de Hatoyama e a asunción dun novo primeiro ministro confirma a situación de inestabilidade dos diversos gobernos xaponeses aparecidos nos últimos anos, con seis primeiros ministros nos últimos 4 anos e 16 primeiros ministros durante os 21 anos da denominada “era do Heisei” (1989-2010). Os constantes cambios de goberno e perspectivas políticas impiden a Xapón construír unha relación de amizade cos países estranxeiros e tomar a iniciativa nas relacións internacionais.

O pasado 4 de xuño, dous días despois de que Hatoyama manifestara a súa intención de dimitir, celebrouse a elección do novo líder do PDX, sendo elixido Naoto Kan, vice primeiro ministro e ministro de Finanzas do gabinete de Hatoyama. Tras esta elección, Kan asumirá tanto o liderado do PDX como do novo goberno xaponés.

Con este panorama, cabe pensar se haberá cambios na política exterior de Xapón. Kan confirmou que o eixe da súa diplomacia é a relación con EEUU, outorgándolle igualmente unha importancia capital ás relacións con China. Esta perspectiva persuade a Kan para consolidar a relación de Xapón cos seus veciños do Leste asiático.

Polo momento, o novo primeiro ministro xaponés goza de certa credibilidade nos medios estranxeiros: The New York Times dixo que Kan ten un carácter máis decidido ca o seu antecesor e “indeciso” Hatoyama. Non obstante, é cousa sabida que Kan posúe un carácter máis irascible, ata o punto de que en Xapón ten un alcume, “Ira-Kan”, que significa “o irascible Kan”2. Pola súa banda, o chinés Diario do Pobo considerou que a ideoloxía de centroesquerda de Kan beneficiará ás relacións entre ambos países3.

Asi pois, haberá que confirmar que Kan poida asumir con firmeza a dirección da inestable política xaponesa pero, antes que nada, o que máis se desexa en Toquio é a recuperación da confianza perdida por Xapón no contexto internacional.

 

1 Acerca do proceso polo asunto de Futenma, vexase OKI, Masashi, “Japón y EEUU: una alianza sujeta a cambios”, http://igadi.org/artigos/2010/mo_japon_y_eeuu_una_alianza_sujeta_a_cambios.htm

2 http://www.nytimes.com/2010/06/05/world/asia/05japan.html?ref=world

3 http://world.people.com.cn/GB/89881/97035/11785943.html