Mugabe e a terra

Resulta en exceso simplista a interpretación de que os graves acontecementos de Zimbawe obedecen a intereses electoralistas do Presidente Mugabe. Dende que asumiu a máxima xefatura do país, hai xa vinte anos, manifestou unha exquisita preocupación por evitar que as rivalidades anteriores á independencia criasen obstáculos á construcción nacional. Mugabe sempre defendeu que a reactivación do país pasaba por evitar o éxodo en masa da minoría branca, ese 5% da poboación que controlaba máis do 70% das terras cultivables e que ata o momento da independencia posuía man de obra case escrava que lles reportaba excelentes beneficios dos cultivos de tabaco e de té. Daquela, habida conta do seu ideario marxista, o máis fácil houbera sido decretar a expropiación das terras e a expulsión da poboación de orixe europea.

Pero Mugabe optou pola conciliación, comezando pola incorporación de brancos ó seu goberno en carteiras tan importantes como agricultura (Dennis Norman). Nos anos oitenta, ese mesmo Mugabe que agora é acusado de estimular os ataques á minoría de orixe europea, pagaba un alto prezo político (cese do seu ministro do interior, Joshua Nkomo, que equivalía a fracturar o seu propio partido) por evitar os asaltos ás facendas dos brancos, unha tensión permanente debido á insatisfacción social pola demora na solución do problema da terra, máxima aspiración na loita contra a opresión colonial. A pesar da independencia, o dominio dos intereses europeos na agricultura, no comercio ou na industria do país non admitía discusión.

A comezos dos noventa, o agravamento das dificultades económicas e as presións da maioría negra situaron de novo o problema da terra no epicentro do debate nacional. A aprobación dunha lei de reforma agraria que amparaba a expropiación de terras dos grandes propietarios brancos para ser redistribuídas en parcelas a pequenos propietarios negros, non valeu de moito. As protestas dos brancos e as denuncias de corrupción que involucraban directamente a membros do propio goberno na adquisición irregular de fincas, provocaron unha primeira paralización do proceso. Reorientado de novo nos acordos de Lancaster House, Mugabe comprometíase a non expropiar as facendas, pactando unha reforma agraria baseada na compra das terras cos recursos que debían achegar ingleses e norteamericanos. Demasiado bonito para ser real.

O desgaste político de Robert Mugabe é importante, especialmente nas cidades. A súa impopularidade no rural, onde viven dous tercios da poboación, quizáis sexa algo menor. A terra pode ser a clave que lle permita subsistir políticamente. A fin de contas, nada substancial mudaría con unhas cantas mortes ou facendas destruídas. En Rusia, quizáis non tan lonxe de Zimabwe como indica a xeografía, o mundo libre aceptou sen inmutarse unha masacre moito peor para facilitar a victoria presidencial dun tal Putin, Pero, ademáis de toda esa mediocridade e oportunismo, con ou sen Mugabe, existe un problema real, o da terra, que esixe o respecto dos acordos por parte deses valedores internacionais que se comprometeron no seu día a financiar a reforma agraria.